Construción do Estado Liberal PDF

Summary

Este documento presenta un resumo da construción do estado liberal en España entre 1833 e 1868. Analiza diferentes aspectos políticos, como a rexencia de María Cristina de Borbón, a guerra carlista, e as constitucións de 1837 e 1845.

Full Transcript

CONSTRUCIÓN DO ESTADO LIBERAL Entre 1833 e 1868 España viviría un longo e convulso proceso histórico caracterizado pola implantación definitiva dos principios liberais e a súa enconada loita con aquelas forzas políticas máis tradicionalistas e conservadoras encarnadas polo Carlismo. A mor...

CONSTRUCIÓN DO ESTADO LIBERAL Entre 1833 e 1868 España viviría un longo e convulso proceso histórico caracterizado pola implantación definitiva dos principios liberais e a súa enconada loita con aquelas forzas políticas máis tradicionalistas e conservadoras encarnadas polo Carlismo. A morte de Fernando VII no ano 1833 convertiría á súa dona, María Cristina de Borbón na rexente do reino ante a minoría de idade da súa filla, Isabel II. O desexo de asegurar os dereitos ó trono da súa filla fronte ás pretensións do irmán de Fernando VII, Carlos María Isidro de Borbón, levaría a buscar apoios entre aqueles sectores políticos do liberalismo moderado e alonxados ideoloxicamente dos sectores máis intransixentes do absolutismo (Documento: Relixión, Patria e Rei...pola gracia de Deus, como ben expoñería a dona de Don Carlos de Borbón na súa defensa a ultranza do Carlismo), o que acabaría derivando na 1ª guerra carlista que non remataría ata 1839, co triunfo liberal. O Carlismo vai defender o absolutismo e vai contar co apoio da Igrexa e do campesiñado do norte pola súa defensa dos fueros (leis antigas que tiñan certos territorios, provincias vascas e Navarra). Doc. 1.-María Teresa de Braganza y Borbón, muller do infante Don Carlos, expón así algunhas das ideas do carlismo:Setembro 2011. “Relixión, Patria e Rei (...). Rei, digo por último, pero rei pola Graza de Deus e non pola graza da soberanía nacional (...). Segundo o liberalismo, da soberanía nacional emana todo o poder e os poderes que existen, negando deste xeito todo poder de orixe divina. Agora ben, isto está condenado pola Igrexa católica e con razón; pois a Escritura sagrada di expresamente: todo poder vén de Deus (...)”. Doc. 1. Pastoral do bispo de Mondoñedo (1837):Setembro 2017. “Carlistas, pelexade ata a morte polo voso Deus, polo voso Rei, pola vosa Relixión, polas vosas leis, por vós mesmos e polo ben do mundo enteiro (...). Respectade e honrade aos Sacerdotes que eles tanto perseguen, e buscádeos con ansia, se vos remorde algún delito para confesarlle e dar gloria ao voso Deus (...)” Vaise a promulgar o Estatuto Real, carta outorgada que vai reservar o poder a rexente aínda que recolle algúns principios do liberalismo pero sen aceptar a soberanía nacional nin a separación de poderes. No verán de 1835 tería lugar nas principais cidades españolas unha serie de revoltas e motíns de carácter popular estimulados polas faccións liberais máis radicais e alentados pola grave crise económica derivada da cruenta guerra civil librada polo Estado e as forzas carlistas. Ante esta situación desesperada, a rexente confiaría o goberno a un importante liberal progresista, Mendizábal que activaría numerosas reformas políticas e socioeconómicas que terían unha enorme trascendencia. A Desamortización eclesiástica que supoñía a supresión de tódolos conventos e a exclaustración obrigatoria dos seus membros; a incautación e venda dos bens das ordes eclesiásticas suprimidas e do clero secular co fin de solucionar os enormes problemas facendísticos, ampliar os apoios á causa de Isabel II e desmantelar o poder económico da Igrexa. Pero despois sustituiríase a Mendizábal por un liberal máis moderado, o que levará a levantamentos populares. O pronunciamento das tropas encargadas da protección da raíña (Motín dos Sarxentos da Granxa) obrigarían a esta a xurar e restaurar a Constitución de 1812, en 1836. A convocatoria de Cortes constituintes vai levar a elaboración dunha nova Constitución, a de 1837 de carácter liberal progresista pero con puntos consensuados cos moderados. Os principios da Constitución de 1837 son:  Soberanía Nacional, como di o preámbulo “Sendo a vontade da Nación revisar, en uso da súa soberanía, a Constitución política promulgada en Cádiz...as Cortes Xerais, congregadas a este fin, decretan e sancionan a seguinte Constitución >> Doc.2.-Preámbulo da Constitución de 1837:Xuño 2006 “Sendo a vontade da Nación revisar, en uso da súa soberanía, a Constitución política promulgada en Cádiz a dezanove de marzo de mil oitocentos doce, as Cortes xerais, congregadas a este fin, decretan e sancionan a seguinte Constitución”.  Separación de Poderes: Un reforzamento das prerrogativas reais: o rei exerce o poder executivo, nomea e destitue ós seus ministros e comparte coas Cortes o lexislativo, aínda que ten a capacidade de sancionar ou vetar as leis así como a de convocar, suspender ou disolver as Cortes.  Poder lexislativo: Unhas Cortes bicamerais formadas por Congreso e Senado que posúen iniciativa legal. Os deputados elixiríanse mediante sufraxio censatario mentres os senadores serían nomeados polo rei entre unha lista triple por cada provincia.  Sufraxio censatario, aínda que ampliado, rebaixarase a renda para que poidan votar maior porcentaxe de homes.  Unha Declaración explícita de dereitos e liberdades individuais (Igualdade dos cidadáns ante a lei e liberdade de imprenta).  Unha certa tolerancia relixiosa, ó non declararse o Estado de xeito explícito confesional, aínda que se comprometería ó mantemento do culto católico. A pesar das concesións feitas ás faccións liberais máis moderadas (reforzamento do poder real e sufraxio censatario), tanto a raíña como estes últimos manterían unha oposición continua e soterrada cara unha Carta Magna considerada por eles como excesivamente popular. Por outra banda estarían os liberais progresistas, descontentos polas excesivas concesións dadas á Coroa, e que evolucionarían ideoloxicamente cara a posturas demócratas e republicanas. O apoio da Rexente o liberalismo moderado vai a levar a súa renuncia. Co triundo do liberalismo na guerra carlista, o seu líder será nomeado Rexente. Comezando así a Rexencia de Espartero(1840-43) que se caracterizaría por un excesivo autoritarismo que provocaría un crecente descontento tanto nos moderados como nalgunhas faccións progresistas, así como nas propias masas populares. Os levantamentos militares e populares vai levar a renuncia de Espartero, tomando o poder o xeneral Narváez. Se lle adiantará a maioría de idade a raiña Isabel II, iniciándose o seu reinado, no cal se vai apoiar nos liberais moderados. De aí que a súa primeira etapa se denomine Década Moderada (1844-54) Doc. 1. Proxecto de Reforma da Constitución. Diario de sesións do Congreso, lexislatura 1844-45: “Na Constitución que vai rexer a España están de acordo a Coroa e as Cortes, desexando concorrer a acomodar os antigos foros e liberdades da Nación ao seu estado e necesidades actuais [...]. Desta maneira procúrase en canto cabe a inapreciable vantaxe de dar por base á Constitución a vontade acorde do Monarca e dos elixidos da Nación, evitando esaxeradas por un ou outro extremo, que adoitan principiar por celos e rivalidades, e terminar por escándalos e trastornos”.(ABAU Xullo 2022) Vaise elaborar unha nova Constitución, a Constitución de 1845 de carácter liberal moderado: - Soberanía compartida: o poder recae no rei e nas Cortes. - A separación de poderes non é clara, debido a supremacía política da Coroa (ó recaer nela o poder executivo e compartir o poder lexislativo coas Cortes - coa prerrogativa de suspendelas, disolvelas ou convocalas sen limitación algunha-, ó nomear libremente ó Goberno e designar ós senadores). - Sufraxio censatario moi restrinxido, polo que había unha participación política dos cidadáns moi limitada, que afectaría tan só ó 0,8% da poboación, sendo os deputados elexidos mediante un sufraxio fortemente censatario. Doc.2.-En 1845, Joaquín Francisco Pacheco, líder do Partido Moderado, defende o sufraxio restrinxido:Xuño 2011 “Distinguimos hoxe, señores, os dereitos políticos dos dereitos civís; e se estes os concedemos a todos os cidadáns, non así os primeiros, que non podemos outorgar senón aos que os han exercer ben (...). O dereito electoral non será un dereito de todos, e as ínfimas clases de calquera país deberán estar privadas del pola razón sinxela de que non poderán exercelo convenientemente (...). Tomouse por regra xeral como base para a concesión deste dereito o goce de certa renda ou o pagamento de determinada contribución. Este principio, señores, é racional e aceptable. A riqueza, ou por mellor dicir o benestar, a vida desafogada e doada, en que o traballo material non é unha carga dura, non é a penosa ocupación de todos os momentos, e deixa espazo para as concepcións do espírito; ese benestar mediano (...), ese é o que debe tomarse como condición de capacidade política, porque é o que dá a intelixencia e a valía na orde social (...). Quen gaña afanosamente o seu sustento nun traballo ímprobo e co suor do seu rostro, quen non pode gozar algunha vez o digno descanso (...), quen está reducido a un escaso xornal (...), non pode pretender a consideración nin a estima política”. - Dereitos restrinxidos: unha restrición das liberdades individuais coa censura previa da prensa. - E a confesionalidade Católica do Estado. Doc. 2. Preámbulo da Constitución de 1845: “Dona Isabel II, pola Graza de Deus e da Constitución da Monarquía Española, Raíña das Españas, a todos os que a presente viren e entenderen, sabede: Que sendo a nosa vontade e a das Cortes do Reino regularizar e poñer en consonancia coas necesidades actuais do Estado os antigos fueros e liberdades destes reinos, e a intervención que as súas Cortes tiveron en todos os tempos nos negocios graves da Monarquía, modificando ao efecto a Constitución promulgada en 18 de xuño de 1837, vimos (...) en decretar e sancionar a seguinte Constitución da Monarquía Española”.(Setembro 2017) Unha vez promulgada a nova Constitución de 1845, os gobernos moderados levarían a cabo unha serie de modificacións do sistema político cunha clara intencionalidade: favorecer os seus intereses e os das clases privilexiadas a quen representaban (Alta burguesía e aristocracia) e reservar en exclusiva os beneficios derivados do control político do Estado e manter a súa posición hexemónica, para o que habilitarían unha serie de medidas de amplo calado como a creación no ano 1844 da Garda Civil (nova institución militar baixo as ordes directas do goberno que substituiría á suprimida Milicia Nacional dos progresistas), a elaboración dunha nova Lei de Concellos en 1845, que impoñía o nomeamento dos alcaldes polo Goberno e limitaba as competencias municipais e das deputacións acentuando o centralismo administrativo, a realización dunha nova reforma tributaria no ano 1845 elaborada polos ministros Mon e Santillán, consistente nunha redución e simplificación impositiva seguindo os principios liberais de obrigatoriedade e proporcionalidade (quedando individualizados dous grandes tipos de impostos, os directos – contribución territorial e subsidio industrial e comercial – e indirectos – dereitos de hipotecas, aduanas, especiais como o do tabaco e sobre os consumos -, que serían moi mal recibidos polos comerciantes e industriais - ó non ter nunca que pagar ata ese momento polo desenvolvemento da súa actividade –, e sobre todo polas masas populares, ó ver incrementada a presión fiscal por medio dos impostos indirectos ou consumos, que xenerarían numerosas protestas e motíns) e a restrición da participación política coa promulgación dunha nova Lei Electoral (1846) que limitaba a 100000 as persoas con dereito a voto. Todo elo contribuiu a construcción do Estado liberal de carácter moderado. Toda esta serie de medidas xenerarían un crecente malestar social así como unha fonda oposición política de man dos liberais progresistas, os cales protagonizarían numerosas tentativas revolucionarias que non chegarían a bo porto (como a encabezada por Miguel Solís en Galicia no ano 1846 e que remataría co fusilamento dos principais cabecillas en Carral; ou tamén a Segunda Guerra Carlista desenvolvida en Cataluña entre os anos 1846 e 1849, coñecida tamén co nome da guerra dos matiners ou madrugadores e protagonizada por campesiños que protestaban pola crise agraria, os impostos e o recrutamento do exército á vez que defendía os dereitos ó trono do pretendente Carlos). Doc.3. Comentario sobre o intervencionismo militar na vida política (El pensamiento de la nación, 18 de marzo de 1846):(Setembro 2017) “As queixas contra a preponderancia militar datan de moito tempo: hai longos anos que as fraccións liberais se acusan unhas a outras polos estados de sitio. O que en 1834 e 1835 dicían os progresistas contra os moderados, dixeron os moderados contra os progresistas en 1836 e 1837; ata 1840 tocoulles aos progresistas repetir os mesmos cargos que logo reproduciron os moderados ata 1843; dende o pronunciamento de xuño do dito ano quéixanse outra vez os progresistas (...). O poder militar é forte porque o civil é fraco, non tanto se debe pensar en abater aquel como en fortalecer este; a forza do poder civil será a ruína do militar, que deixará de ser poder e pasará a ser unha clase como as demais do Estado...”. A sinatura do Concordato con Roma no ano 1851, establecería un marco idóneo para as novas relacións mediante o cal, a igrexa aceptaría e recoñecería as vendas realizadas durante a desamortización, a cambio de manter a relixión católica como a oficial e a única do Estado e de obter unha dotación presupostaria para o culto e o clero. A crecente oposición aos moderados levaría a un pronunciamento militar coñecido co nome da Vicalvarada (Vicálvaro, Madrid), protagonizado por elementos progresistas e moderados descontentos coa política levada a cabo na década moderada, e liderado polos xenerais Serrano e O`Donnell, cuxo programa quedaría plasmado no “Manifesto de Manzanares” onde se sintetizaba a aspiración de reformar o sistema vixente. As consecuencias inmediatas deste novo pronunciamento sería a volta dos progresistas ó poder, con Espartero como Xefe do Goberno e O´Donnell como ministro da Guerra, iniciándose así o chamado Bienio Progresista que iría dende 1854 ata 1856. Doc. 3. : O xornal La soberanía nacional xustifica a escisión do partido progresista, 25-11-1854: “Para que o nobre partido que tomou un tempo o nome fermoso de liberal non se confunda con esta falanxe de corrompidos que aínda pesa sobre as nosas frontes como unha mancha inmensa, é necesario que tome un nome novo e en consonancia co progreso dos tempos [...]. Ese nome é a democracia. O ideal liberal, que onte se chamou progreso, desenvolto polos tempos hoxe chámase democracia. E neste sentido a democracia é, non só a verdadeira expresión dos intereses,sentimentos e principios de España libre, non só o único medio de fundar entre nós a liberdade querida, senón que tamén espera o pensamento fundamental do século, e a gran bandeira de rehabilitación das sociedades modernas”.(ABAU xullo 2022) Ó longo destes dous anos comezaríase a redactar unha nova Constitución que non chegaría a promulgarse (A Constitución non nata de 1856) e na que se recollían as principais preocupacións dos liberais progresistas (na liña da Constitución de 1837), e se precisaban e limitaban os poderes da Coroa. Tamén se aprobaría a Lei de desamortización xeral de 1855, realizada polo ministro Pascual Madoz, e que poñía en venda os bens propios e comúns dos concellos, das Ordes Militares e das institucións de beneficencia (Esta lei suporía un duro golpe para a economía dos concellos ó perder gran parte dos medios cos que contaban para afrontar os seus gastos de persoal e beneficencia, aínda que tamén sairían fortemente prexudicados aqueles campesiños máis pobres e xornaleiros incapaces de facerse coa propiedade das parcelas subastadas ó mesmo tempo que quedaban desposuídos do usufruto das terras comunais, aspectos que derivarían nun incremento das tensións sociais no campo e sobre todo en Andalucía) e se promulgaría a Lei de Ferrocarrís de 1855, que sentaría as bases do posterior desenvolvemento da rede ferroviaria española. Surxirán novas opcións políticas demandantes dunha maior ampliación das liberdades cidadáns e cuestionando, incluso, a monarquía como forma de goberno. É neste contexto no que se irían consolidando as opcións demócrata e republicana. Sen embargo, as diferencias entre Espartero e O´Donnell, a oposición das forzas máis moderadas e as divisións nas fileiras progresistas acabarían precipitando a fin deste breve período progresista, consumado en 1856 mediante unha nova demostración de forza ou pronunciamento liderado polo Xeneral O´Donnell, que situaría no poder novamente ós liberais moderados, dando paso á década moderada-unionista (1856- 1866). Tras a perda de confianza a raíña volverá a nomear presidente de goberno a Narváez. Por tanto vólvese ao moderantismo. Doc. 2. Manifesto da Xunta Central do partido progresista publicado no diario La Iberia o 2-10- 1858:(ABAU Xullo 2022) “Os principios non variaron nin poder variar xamais. Son os que proclamaron en Cádiz os lexisladores do ano 12, os que se consignaron na Constitución do 37 e prevalecíanos nas Cortes constituíntes reunidas o ano 54. As variantes que ofrecen as referidas Constitucións, débense exclusivamente ás necesidades do momento, pero todas elas teñen a mesma orixe, a soberanía da nación e o mesmo obxecto dar ao pobo español toda a liberdade posible dentro dunha monarquía constitucional. Como a Constitución do 45 nin recolle esa orixe, nin enche cumpridamente ese obxecto, non foi nin pode ser nunca a bandeira do noso partido”. A nivel político-legal restauraríase a lexislación e a Constitución moderada de 1845 que propiciaría unha certa estabilidade política. Doc. 4. En 1860, o republicano Fernando Garrido caracteriza así as máis importantes tendencias políticas do momento: “Os moderados representan un paso máis na escala do progreso, non conceden senón a medias o principio da soberanía nacional. Din: o rei ten o seu dereito de ser soberano, dereito histórico e de raza, pero o pobo tamén ten dereito a intervir co rei na xestión dos públicos intereses; e conservando as institucións do absolutismo, líganas o menos mal que poden coas novas, que deben satisfacer os desexos das clases acomodadas, e unha pequena parte das medias. Os progresistas parten do principio da soberanía nacional, que colocan sobre todos os outros. O rei, segundo eles, éo porque a nación quere que o sexa, e non porque o herdara dos seus devanceiros (...). Hai unha fracción demócrata que cre posible a amalgama da monarquía e dos principios democráticos, da liberdade individual e da soberanía nacional. Segue a esta a fracción republicana propiamente dita. A democracia como réxime político quere, segundo vemos nas súas publicacións, no canto do rei un consello ou xunta federal composta, como en Suíza, por un ou máis membros por cada provincia ou Estado. No canto de dúas cámaras, unha soa. No canto do censo electoral, o sufraxio universal para toda clase de eleccións. Os seus elementos máis activos pertencen ás profesións liberais, aos traballadores e artesáns, e unha parte máis considerable cada día á clase media”. En 1866 a oposición, progresistas e a súa escisión no Partido Demócrata firmarán o Pacto de Ostende (xeneral Prim e Serrano) co obxectivo de derrocar a monarquía borbónica e instaurar un sistema democrático. En setembro de 1868, os unionistas, demócratas e progresistas asociados protagonizarían a Revolución do 68 (), coñecida coloquialmente como a Gloriosa, e contando co apoio do exército (As forzas militares mandaddas por Prim, Serrano e Topete pronúncianse en Cádiz en setembro de 1868...>>) e das masas populares destronarían a Isabel II, expulsando ós Borbóns do trono de España e dando paso a un froitífero período político coñecido co nome de Sexenio Democrático. A partir dese momento, o enfrontamento entre as distintas faccións liberais deixaría paso a outro de maior encono, o que librarían as forzas democráticas e as reaccionarias. Doc. 5. As forzas militares mandadas por Prim, Serrano e Topete pronúncianse en Cádiz en setembro de 1868, publicando o seguinte manifesto:Setembro 2017. “Aldraxada a lei fundamental (...), corrompido o sufraxio pola ameaza e o suborno (...), pasto a Administración e a Facenda da inmoralidade (...), muda a prensa (...). Tal é a España de hoxe (...). Queremos que un Goberno provisional que represente todas as forzas vivas do país asegure a orde, en tanto que o sufraxio universal bota os alicerces da nosa rexeneración social e política”. Doc.3.-Principios e obxectivos que proclama o 20 de setembro de 1868 a Xunta Revolucionaria de Sevilla:Xuño 2011. “1. A consagración do sufraxio universal e libre, como base e fundamento da lexitimidade de todos os poderes e única verdadeira expresión da vontade nacional. 2. A liberdade absoluta de imprenta (...) 11. Cortes Constituíntes por sufraxio universal directo, para que decreten unha Constitución en harmonía coas necesidades da época”.

Use Quizgecko on...
Browser
Browser