Teoría Loita, Reza, Traballo PDF 2º ESO
Document Details
Uploaded by WiseOak
Tags
Summary
Este documento fala sobre o feudalismo en Europa occidental entre os séculos IX e XV. Descrición das características políticas, económicas e sociais do feudalismo, incluíndo as relacións entre o rei e as clases privilexiadas, e a relación entre as clases privilexiadas e as clases máis baixas.
Full Transcript
Xeografía e Historia 2º ESO TEMA 2. LOITA, REZA, TRABALLA O feudalismo foi o sistema político, económico e social característico de Europa occidental entre os séculos IX e XV. Xurdiu no Imperi...
Xeografía e Historia 2º ESO TEMA 2. LOITA, REZA, TRABALLA O feudalismo foi o sistema político, económico e social característico de Europa occidental entre os séculos IX e XV. Xurdiu no Imperio carolinxio debido principalmente a dúas causas: as dificultades de goberno e a inseguridade. A extensión do territorio dos carolinxios facía difícil a súa administración. Carlomagno comezou a delegar a súa defensa en nobreza e clero. Outros dirixentes europeos seguiron o seu exemplo. As clases sociais máis baixas viviron na Alta Idade Media un tempo de inseguridade. Por un lado, as loitas entre os herdeiros de Carlomagno trala súa morte en 814 provocaron inestabilidade. Por outro, produciuse a segunda ondada de invasións, sobre todo entre os séculos IX e X, cos normandos (viquingos) polo norte, os musulmáns polo sur e maxiares e eslavos polo leste. 2.1. En que consiste o feudalismo? As características máis destacables do feudalismo foron a perda de poder político dos reis, unha economía principalmente agraria, unha organización social baseada en relacións de dependencia entre as persoas e unha grande influencia da relixión cristiá, coa Igrexa gozando dun gran poder. No feudalismo, establecíanse relacións de dependencia entre os grupos sociais. O señor, que podía ser o rei, un gran nobre ou un eclesiástico, estaba vinculado ao vasalo, xeralmente outra persoa de menor categoría. 2.1.1. Relación entre o rei e as clases privilexiadas Na cúspide do sistema feudal atopábase o rei, que contaba cos nobres (duques, condes ou marqueses, por exemplo) e membros do clero con poder (bispos ou abades) para defender gran parte dos seus territorios. Estes nobres e membros do clero con poder eran vasalos do monarca. A cambio de darlle axuda militar e o seu consello, o rei entregaba a estes vasalos un beneficio, xeralmente un feudo ou señorío, é dicir, o territorio que pasan a administrar como señores feudais. Nel, recadaban impostos, impartían xustiza e impoñían as súas normas sen ter que responder das súas decisións ante ninguén. Estableceuse, desta maneira a monarquía feudal, na que o rei non ten o dominio directo sobre un amplo territorio senón que distribúe o reino entre os nobres e membros do clero con poder ao non ter capacidade nin medios para controlar a todos os seus súbditos. Era unha monarquía hereditaria. 2.1.2. Relación entre as clases privilexiadas Estes señores feudais -nobreza e clero con poder- tamén tiñan vasalos. En ocasións, os vasalos dos señores feudais eran nobres con menos poder, cabaleiros, cuxo nome provén da posesión dun cabalo. Comezaran sendo paxes e escudeiros e o señor feudal podía darlles unha porción do feudo. Entre os privilexiados, a relación facíase oficial cunha cerimonia solemne coñecida como acto de vasalaxe. A cerimonia constaba de dúas partes: a homenaxe, onde o vasalo lle xuraba fidelidade ao señor, e a investidura, onde 1 Xeografía e Historia 2º ESO o señor lle entregaba de maneira pública ao vasalo un beneficio que, como xa comentamos, xeralmente era un feudo. 2.1.3. Relación entre os privilexiados e as clases máis baixas Pero os vasalos máis numerosos dos señores feudais eran os campesiños. Entre eles establecíanse as relacións de servidume. O señor dáballes aos campesiños protección nunha época de inseguridade, prometía impartir xustiza de maneira imparcial e dáballes permiso para traballar a terra. A cambio, o campesiño estaba obrigado a traballar a reserva señorial, entregar parte da colleita das súas terras e pagar os dereitos señoriais. Os campesiños cedían as súas terras ao señor a cambio de defensa. A súa rutina diaria apenas mudou: seguiron traballando as terras que antes foran da súa propiedade. Pero convertíanse en servos que non tiñan dereito a abandonar o feudo e debían acatar as normas. Aínda que podía haber campesiños libres, a gran maioría eran servos. 2.2. O feudo O feudo era o conxunto de bens e terras do señor feudal que recibía un vasalo a cambio dos seus servizos. Era un territorio autosuficiente no que se realizaban as tarefas agrarias e se fabricaban os artigos que se precisaban para a vida cotiá. O feudo dividíase en dúas partes: - A reserva señorial era a parte do territorio explotada polos campesiños para o señor con terras de labor, prados para o gando, bosques onde cazar e obter leña e ríos onde pescar e coller auga. Adoitaba haber unha aldea onde vivían os habitantes do feudo. Incluíase nesta parte a residencia do señor feudal, un castelo, cunha torre da homenaxe onde o señor tiña as estancias persoais, impartía xustiza, celebraba os actos de vasalaxe e tamén banquetes. Se o señor feudal era membro do clero, vivía nun mosteiro. - Os mansos eran pequenas parcelas que o señor cedía ou arrendaba a campesiños e servos para que viviran nelas e que as traballaran. A cambio de utilizar esas terras, debían entregar parte da colleita ao señor feudal. No feudo tamén existían infraestruturas do señor como o muíño, o forno, o lagar, a prensa ou a ponte que os campesiños só podían usar se pagaban. Os rendementos da agricultura e a gandería eran moi escasos e o comercio era case inexistente xa que os bens producidos chegaban basicamente para a subsistencia. Soamente algúns mercadores se achegaban polos feudos para comerciar con produtos do exterior, pero en contadas ocasións. 2.3. A sociedade feudal A característica máis salientable da sociedade que se desenvolveu canda o feudalismo é a desigualdade. A denominada sociedade feudal, na que o rei e a raíña eran os máximos representantes, dividíase en tres grupos ou estamentos –a nobreza, o clero e os traballadores- e, dentro deles, imos diferenciar entre os estamentos privilexiados –coas súas diferenzas entre eles, que tamén as había- e o estamento non privilexiado. 2 Xeografía e Historia 2º ESO Dentro dos estamentos privilexiados, os que tiñan máis poder eran a alta nobreza –que incluía a duques, condes ou marqueses- e o alto clero –bispos ou abades dos mosteiros-. Eran unha minoría da poboación que posuía a maior parte da terra, non tiñan que traballar, non pagaban impostos e ostentaban altos cargos do reino concedidos polo monarca. Un posto por debaixo, aínda que dentro dos privilexiados, atopábase a baixa nobreza, que incluía a cabaleiros ou fidalgos, con privilexios, aínda que con menos bens e prestixio que a alta nobreza. Dentro do clero, tamén podemos falar do baixo clero, formado por sacerdotes e monxes e monxas dos mosteiros. Tiñan certos privilexios, aínda que menos que bispos e abades. O estamento non privilexiado estaba conformado pola gran maioría da poboación, é dicir, campesiños libres e servos (fundamentalmente), artesáns e comerciantes. Tiñan como función traballar e manter os privilexiados, carecían de ningún tipo de dereito e debían pagar impostos ao rei e aos señores. Entre os non privilexiados tamén se atopaban os marxinados, como os mendigos. Cada un dos estamentos tiña unha función determinada na sociedade: a nobreza loitaba –acudía ás guerras para defender o territorio-, o clero rezaba e o resto da sociedade traballaba para manter e alimentar a toda a sociedade. 2.4. A cultura na etapa feudal Coa chegada dos pobos xermánicos a Europa occidental, a sociedade ruralizouse. A maioría da poboación era analfabeta e tan só algúns membros dos estamentos privilexiados sabían ler e escribir. Neste contexto, a Igrexa adoptou o papel educativo da sociedade e creáronse escolas nos mosteiros, convertidos en centros de estudo e ensino. Ensinábase a ler e escribir, aprendíanse materias científicas e transmitíanse os principais coñecementos. As bibliotecas dos mosteiros convertéronse en importantes centros de saber. Tiña importancia o scriptorium, lugar no que os monxes copiaban libros da Antigüidade –non só relixiosos, senón tamén científicos e filosóficos- sobre pergamiños e ilustrábanos con miniaturas. 2.4.1. O Prerrománico Durante a Alta Idade Media, coa cultura relegada a un posto inferior na sociedade, á arte non se lle deu relevancia. O estilo chamado Prerrománico desenvolveuse na Península Ibérica dende a caída do Imperio romano de Occidente no ano 476 ata o século X. A manifestación artística máis importante desta arte foi a arquitectura e, dentro dela, a construción de pequenas igrexas. Foi unha arte que se mantivo na zona cristiá da península: primeiro no reino visigodo, despois continuou nos asentamentos do norte que conseguiron expulsar aos musulmáns –sobre todo en Asturias- e seguiu cara ao sur a medida que os cristiáns foron avanzando fronte aos territorios de Al-Ándalus. 2.4.2. O Románico Dende o século X, comezou unha época que se caracterizou polo fin das segundas invasións, unha progresiva mellora da economía e o crecemento 3 Xeografía e Historia 2º ESO paulatino da poboación. No capítulo artístico, iniciouse un estilo que se convertería no primeiro da Idade Media en adquirir uns trazos comúns en toda Europa -é o primeiro estilo internacional-. Na Península Ibérica entrou sobre todo polo Camiño de Santiago, que se popularizou no século IX. A súa característica principal, ao igual que no Prerrománico, foi a construción de pequenas igrexas. O novo estilo xurdiu en Francia e usou elementos da arte romana, polo que se denominou arte románica e estendeuse nos séculos XI e XII. É unha cultura relacionada coa fe que nace nunha sociedade dominada polo teocentrismo e no que a Igrexa controla as clases populares. O obxectivo desta arte é pedagóxico: enxalzar a Igrexa para reforzar a fe dos cristiáns e estender a palabra de Deus. A ARQUITECTURA tivo un papel primordial. As igrexas pequenas de pedra que comentamos constrúense con planta de cruz latina, con dous brazos de diferente tamaño. O máis curto denominase transepto. Os dous brazos poden dividirse en naves (xeralmente tres). O espazo onde se entrecruzan ambos brazos é o cruceiro e cóbrese normalmente cun ciborio. A cabeceira está constituída por unha ábsida central de forma semicircular onde está o altar, rodeado por absidiolas ou ábsidas máis pequenas. As igrexas de peregrinación contaban tamén cun deambulatorio, un corredor que facilitaba o tránsito por detrás do altar dos peregrinos. Tamén era habitual colocar na entrada un campanario no alto dunha torre. Os arcos de medio punto foron os máis utilizados, sendo a bóveda de canón a máis abundante, de forma semicircular e con arcos faixóns para reforzala. Usábase sobre todo na nave principal mentres que nas naves laterais se utilizaba a bóveda de aresta, formada polo cruzamento de dúas bóvedas de canón. Os muros das igrexas eran moi anchos e tiñan poucos buracos (ou vanos) porque debían soster as bóvedas de pedra. Tamén contribuían a un ambiente escuro no interior para expandir a mensaxe de Deus nunha contorna recollida e sen distraccións. Para reforzar os muros, no exterior engadíanse contrafortes. Para suxeitar o peso, usábanse columnas e piares de soporte. A portada de entrada era abucinada con diferentes partes: arquivoltas, lintel, xambas e parteluz. Moitas veces estaba enmarcada nun arco de medio punto que coincidía coa nave principal. Todas as portadas están decoradas con relevos e esculturas -sobre todo no tímpano- que expandían a palabra de Deus entre os fregueses xa que a maioría non sabían ler nin escribir. Temos ESCULTURA sobre todo en forma de relevo, tanto nas portadas das igrexas como nos capiteis de columnas e piares. Tratábase de figuras ríxidas, alongadas e esquemáticas, en certa medida antinaturais ao non transmitir sentimentos senón que só buscaban expandir a mensaxe de Deus. Tamén esculpiron figuras exentas, que se poden ver por todos os lados. En canto á PINTURA realizábase ao fresco, é dicir, sobre os muros interiores da igrexa ou sobre táboas colocadas diante do altar. Caracterizábase por perfilar as figuras cunha grosa liña negra e utilizar cores planas e uniformes, con 4 Xeografía e Historia 2º ESO predominio do azul e do vermello. O Panteón de San Isidoro de León é un exemplo salientable de pintura románica. 2.4.2.1. O Románico en Galicia Aínda que o Románico chegou a Galicia con atraso respecto a outras zonas da península, tivo unha gran presenza na comunidade. Ademais da construción de pequenas igrexas, tamén se construíron mosteiros –como o mosteiro de Santo Estevo en Ribas de Sil- e catedrais –como a catedral de Santiago ou a de San Martiño de Mondoñedo-. A construción da catedral compostelá iniciouse no ano 1075 por encargo do arcebispo Diego Peláez, pero foi no século XII, co arcebispado de Diego Xelmírez a partir de 1120, cando se impulsou a construción da catedral e a difusión do Románico en Galicia. Na catedral santiaguesa atopamos a obra cume do Románico, non só en Galicia senón na Península Ibérica: o Pórtico da Gloria. Foi realizado polo mestre Mateo entre os anos 1168 e 1188. O pórtico estaba situado na fachada da catedral de Santiago e componse de tres arcos, o central maior que os laterais. As esculturas seguen as características do estilo románico: figuras adaptadas ao marco arquitectónico, uso da policromía, das que se conservan rastros, e solemnidade dos personaxes. Algúns personaxes presentan dinamismo e expresión, o que anticipa a chegada do Gótico. No tímpano do arco central atópase a representación principal: o Pantocrátor ou Cristo en Maxestade rodeado dos catro evanxelistas, de anxos e personaxes bíblicos. No parteluz eríxese a figura do apóstolo Santiago vestido de peregrino para recibir ás persoas que entran no templo. En pintura, o clima adverso prexudicou as pinturas murais aínda que se conservan exemplos de ilustración de códices como o Códice Calixtino. 5