Lírica PDF
Document Details
Uploaded by Deleted User
Tags
Summary
This document provides an overview of Galician lyric poetry, including its history and different forms. It discusses the elements that differentiate lyrical works from other genres and explores the various themes and styles within Galician poetry.
Full Transcript
LÍRICA Incluímos neste xénero as obras que expoñen os sentimentos do autor, as súas emocións... Na súa orixe, as composicións líricas adoitaban ser cantadas acompañadas dunha lira, e de aí o seu nome. ÉPICA A palabra épica procede do termo grego epos, que significa ‘narración’. As obras que narrab...
LÍRICA Incluímos neste xénero as obras que expoñen os sentimentos do autor, as súas emocións... Na súa orixe, as composicións líricas adoitaban ser cantadas acompañadas dunha lira, e de aí o seu nome. ÉPICA A palabra épica procede do termo grego epos, que significa ‘narración’. As obras que narraban en verso as fazañas de heroes históricos ou lendarios recibían o nome de poemas épicos. Actualmente considéranse do xénero épico as obras que narran feitos, en prosa ou en verso, de personaxes reais ou imaxinarios, como as novelas ou os contos. DRAMÁTICA Son do xénero dramático, por exemplo, as obras de teatro. Nelas, o autor, a través do diálogo dos personaxes, presenta un conflito e as paixóns, desexos e frustracións destes. Poden estar escritas en prosa ou en verso e teñen a finalidade de ser representadas por actores e actrices. A lírica xorde da necesidade do poeta de expresar os seus sentimentos e reflexións. Aínda que o poeta cante unha realidade exterior a el, sempre o fai de forma subxectiva, ofrecéndonos a súa interpretación emotiva desa realidade. Xa sabedes que lírica procede de ‘lira’ o instrumento co que se acompañaban os poetas na antigüidade. A relación entre poesía e música é moi estreita pois, ao longo da historia, os textos poéticos difundíronse en forma de cancións. As primeiras composicións líricas coñecidas son cantos relixiosos ou profanos: himnos en honor dos deuses, cantos celebrando vitorias de exércitos ou de heroes, cantos da chegada da primavera... Os trazos que distinguen a lírica dos outros xéneros literarios en canto á forma son: A musicalidade, que lle proporciona o verso. A brevidade, pois as emocións e sentimentos do poeta exprésanse de forma concentrada. A expresividade, pois os poemas líricos presentan unha lingua moi elaborada para conseguir que o receptor sinta as mesmas emocións que o poeta cando compuxo a peza. A lírica tiña unha clara función social e calquera motivo era bo para celebrar con cantos e poemas. Compoñíanse e cantábanse versos para honrar os deuses ou os heroes, para gabar persoeiros falecidos, para criticar con humor costumes e persoas... En todas as literaturas se adoita distinguir entre unha lírica popular ou tradicional, polo xeral de creación colectiva e transmitida oralmente de xeración en xeración, e unha lírica culta, máis elaborada e complexa e transmitida por escrito. A relación entre elas é frecuente, de feito, moitos poetas cultos inspíranse en pezas populares e tradicionais. Os poetas trataron desde sempre contidos moi diversos. Non obstante, é posible distinguir dúas liñas temáticas básicas: a intimista e a social. Os poemas intimistas son os que se centran nos sentimentos do autor (o amor, a pena, a alegría...). Os poemas sociais abordan temas que lle afectan á sociedade (a inxustiza, a solidariedade...). A LÍRICA NA LITERATURA GALEGA Os textos líricos máis antigos que conservamos na literatura galega datan do século XIII. Trátase de cantigas, de tema amoroso ou humorístico, compostas por trobadores e xograres (Afonso X, Pero da Ponte, Martín Codax...). No século XIX, despois dun longo período de silencio nas nosas letras, xorde a figura de Rosalía de Castro. Esta autora é considerada hoxe unha das máis importantes escritoras da literatura universal. Nos séculos XX e XXI, a vitalidade da poesía galega é incuestionable. Na actualidade conviven gran cantidade de poetas de diferentes xeracións e estilos: Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, Miro Villar, Yolanda Castaño, Olga Novo, Ismael Ramos… Lírica popular Adoitan seguir as normas das composicións antigas. Transmítense oralmente dunha xeración a outra. Son anónimas e vanse modificando co paso do tempo. Lírica culta Composicións máis coidadas, representadas en pazos de nobres e cortes de reis. Transmítense, xeralmente, de forma escrita. O autor é coñecido e, normalmente, compoñíanas trobadores, xograres e segreis. No xénero lírico, segundo o seu contido, podemos distinguir entre formas populares e formas cultas. As formas populares Son as composicións poéticas creadas polas clases populares e transmitidas oralmente a través do canto e, nalgunhas ocasións, acompañadas de baile. Xurdiron na Idade Media e despois foron collendo importancia na Galicia da Idade Moderna. As formas populares máis destacadas na literatura galega son o vilancico e as cantigas populares. Os vilancicos, tamén chamados panxoliñas, tratan o tema do nacemento de Cristo e cántanse no Nadal. As cantigas de Nadal foron moi populares nos séculos XVI e XVII e era moi común cantar vilancicos en galego en toda a Península. As cantigas populares tratan, dun xeito sinxelo, temas do ámbito tradicional relacionados cos costumes sociais (os labores do campo, as romarías, a terra... ) e cos sentimentos máis íntimos (o amor, a ausencia ou a infidelidade do amado, a familia...). Outra temática frecuente das cantigas populares son as cantigas de berce. A linguaxe literaria emprega certos recursos para chamar a atención sobre a mensaxe ou crear certas impresións. Son os recursos estilísticos. Os recursos estilísticos máis frecuentes da lírica popular son a repetición, a antítese e o paralelismo (para facilitar a memorización). As formas cultas A literatura culta galega xorde na Idade Media cando as primeiras manifestacións literarias son poemas compostos para ser cantados. As principais formas cultas da lírica galega eran: A oda, que é unha composición na que o poeta expresa en linguaxe elevada sentimentos de admiración ou exaltación ante o amor, a relixión, a patria... A elexía, na que o autor expresa a dor pola morte, perda, separación ou ausencia dun ser querido ou por algunha desgraza nacional ou colectiva. O himno, que é unha composición solemne que expresa os sentimentos e as ideas patrióticas ou relixiosas. Tamén son himnos aqueles que exaltan a unión entre algúns grupos: deportivos, académicos, de asociacións... A cantiga culta, que é unha composición de temática amorosa ou satírica que ten a súa orixe na Idade Media, e que se compoñía para ser cantada ou representada nos pazos dos nobres e nas cortes dos reis. Podemos facer a seguinte clasificación das cantigas segundo o seu contido: Cantigas de amigo: composicións amorosas postas na boca dunha muller namorada que conta a súa vida amorosa. Cantigas de amor: composicións amorosas similares ás anteriores, pero postas na boca dun home. Cantigas de escarnio e maldicir: composicións satíricas que critican os costumes ou defectos dunha persoa ou dunha sociedade no seu conxunto. Cantigas relixiosas: son composicións de loanza á Virxe, como as cantigas de Santa María de Afonso X.