Summary

Este documento trata sobre as propiedades da auga, os estados da materia e como influye no clima. Tamén inclúe algúns exemplos e preguntas para que o alumno poida practicar e aplicar os seus coñecementos. Esta información é apropiada para o nivel de educación secundaria.

Full Transcript

# A Auga A hidrosfera (xunto coa xeosfera, a atmosfera e a biosfera) é unha das capas que forman a Terra. Está constituída por auga. ## Estados de Agregación Dentro da hidrosfera a auga preséntase nos tres estados de agregación: - Estado líquido formando mares, ríos, océanos, lagos, augas subterr...

# A Auga A hidrosfera (xunto coa xeosfera, a atmosfera e a biosfera) é unha das capas que forman a Terra. Está constituída por auga. ## Estados de Agregación Dentro da hidrosfera a auga preséntase nos tres estados de agregación: - Estado líquido formando mares, ríos, océanos, lagos, augas subterráneas... - Estado sólido constituíndo a neve e os xeos. - Estado gasoso mesturándose cos gases da atmosfera. ## Cambios de Estado Os cambios de estado están asociados ás ganancias ou perdas da calor da auga. Prodúcense mediante os seguintes procesos: - Evaporación: paso de estado líquido a gasoso. Este cambio de estado prodúcese lentamente a temperatura ambiente e afecta principalmente á capa superficial da auga. Trátase dun proceso diferente á ebulición, que ocorre a 100 °C. - Condensación: paso de estado gasoso a líquido. - Sublimación: paso de estado sólido a gasoso. - Sublimación inversa: paso de estado gasoso a sólido. - Fusión: paso de estado sólido a líquido. - Solidificación: paso de estado líquido a sólido. ## A Orixe da Hidrosfera Moitos científicos cren que a auga que forma a hidrosfera non se formou na Terra senón que ten outra orixe. Chegou formando parte de milleiros de meteoritos que chocaron, hai case 4 000 millóns de anos, contra a Terra en formación. Esta época coñécese como o gran bombardeo tardío, que durou varios millóns de anos. Os movementos dos enormes planetas gasosos na busca das súas órbitas definitivas foron a causa de que os corpos xeados do sistema solar exterior se lanzasen sobre os planetas interiores rochosos. Naquel momento a Terra era un planeta moi quente e a auga só podía permanecer en estado gasoso. Cando as temperaturas baixaron precipitou dando lugar a mares e océanos. ## As Características da Auga A auga é unha molécula formada por dous átomos de hidróxeno (H) e un de osíxeno (O) polo que a súa fórmula é $H_2O$. É insípida (non ten sabor), inodora (non ten sabor) e incolora (non ten color, pero se se concentra en grandes masas verémola azul). A auga forma parte de todos os seres vivos. Sen ela non podemos manternos con vida. Por exemplo unha persoa pode sobrevivir case un mes sen comer, pero só uns poucos días sen auga. ## Propiedades Físicas e Químicas A importancia da auga para a vida radica nas súas propiedades físicas e químicas: - Densidade. A densidade dunha substancia varía ao variar a súa temperatura: - A auga acada a súa máxima densidade aos 4 °C. - A auga cando se atopa en estado sólido (xeo) é menos densa que en estado líquido. Estas características teñen implicacións moi relevantes para a conservación da vida en rexións frías. O xeo de mares e lagos forma unha capa superficial sobre a que se mantén a auga líquida permitindo que a vida acuática se poida sustentar. - Mantense en estado líquido nunha ampla marxe de temperaturas, entre os 0 °C e os 100 °C. - Para que a temperatura da auga suba é necesario subministrarlle moita enerxía. Do mesmo modo, para que a temperatura baixe é necesario que perda moita enerxía. Esta propiedade ten unha grande influencia sobre o clima: os océanos tardan máis tempo en arrefriarse ou quentarse que a superficie da Terra de modo que poden moderar os cambios de temperatura. Analogamente, nos seres vivos a auga do organismo amortece o efecto dos cambios bruscos de temperatura. - A auga pode conducir a corrente eléctrica a través dos ións disoltos nela. Así, canto maior sexa o número de ións disoltos maior será a condutividade eléctrica, é dicir, maior será a súa capacidade para transmitir electricidade. Polo tanto a auga de mar terá unha maior condutividade eléctrica que a auga dun río. - As moléculas de auga atráense entre si (cohesión) e tamén sofren forzas de atracción con outro tipos de moléculas (adhesión). Estas propiedades fan, por exemplo, que sobre a auga líquida se poidan mover insectos ou que a auga poida desprazarse polos minúsculos espazos do solo ata as raíces e logo ascender polos vasos leñosos da planta. - A superficie da auga actúa como unha membrana tensa que soporta o peso do insecto. - A auga líquida pode disolver unha ampla gama de substancias polo que é coñecida como *disolvente universal*. Algunhas desas substancias son necesarias para os seres vivos, por exemplo, os sales minerais e gases como o osíxeno ou o dióxido de carbono. ## Actividades 1. En que estado ou estados de agregación pode aparecer a auga na Terra? 2. Describe como se formou a hidrosfera. 3. Por que cres que as temperaturas nunha cidade costeira serán máis suaves que as dunha de interior da mesma latitude? 4. Que quere dicir que a auga é un disolvente universal? 5. Completa. a. _______: paso de estado gasoso a líquido. b. _______: paso de estado sólido a gasoso. c. _______: paso de estado gasoso a sólido. d. _______: paso de estado sólido a líquido. e. _______: paso de estado líquido a sólido. f. _______: paso de auga en estado líquido a gasoso, a temperatura ambiente. 6. Selecciona as opcions correctas. - A auga está formada por osíxeno e carbono. - A auga permanece en estado líquido entre os 0° C e os 100 °C. - A auga en estado sólido é menos densa que en estado líquido. - A auga varía con facilidade a súa temperatura ao recibir calor. - A auga pode conducir a corrente eléctrica. # Distribución da Auga na Terra Case tres cuartas partes do noso planeta aparecen cubertas pola auga. A hidrosfera é a capa que inclúe todas as augas da Terra, doces e salgadas. ## Sabías que...? ***Blue Marble, bóla azul***, é o nome co se coñece unha famosa fotografía que os tripulantes do Apolo 17 realizaron da Terra no 1972. Co Sol ás súas costas a Terra aparecía totalmente iluminada. O brillo, a forma e a rechamante cor azul da auga fixo que a imaxe se bautizase con ese peculiar nome. En 2017 a NASA publicou unha nova ***Blue Marble*** que podes ver [aquí](link). # Auga Doce A auga doce é aquela que forma parte de ríos, lagos, glaciares, icebergs, pantanos, lagos e augas subterráneas. Caracterízase por ter unha cantidade pequena de sales disoltos. A auga doce non é auga pura. Como sabes, a auga pode disolver unha gran cantidade de compostos. Deste modo arrastra substancias presentes na atmosfera cando precipita e disolve sales das rochas cando circula sobre a superficie da Terra. Case toda a auga doce procede da precipitación da auga que hai na atmosfera. ## Sabías que...? A auga é un bo disolvente. Disolve as substancias presentes de forma natural no medio pero tamén os contaminantes. Por exemplo en zonas industrializadas, as precipitacións poden volverse ácidas debido á disolución de contaminantes presentes na atmosfera. Estas chuvias ácidas causan unha deterioración ambiental. ## A Auga Doce na Terra Representa o 3% do total da auga da Terra. Distribúese deste modo: | Localización | Porcentaxe | |------------------------------|------------| | Glaciares | 77% | | Augas subterráneas | 22% | | Augas superficiais e vapor de auga na atmosfera | 1% | # Glaciares e Casquetes Polares Os glaciares son grandes masas de xeo formadas pola acumulación de neve. Están permanentemente intercambiando materia con outros compoñentes da hidrosfera (gañan masa a través da neve e pérdena ao derreterse as súas frontes). Diferéncianse varios tipos de glaciares segundo a súa localización xeográfica. Destacan: - **Casquetes polares**. Localízanse nas zonas polares e ocupan grandes superficies. O xeo desprázase moi lentamente cara ao mar onde pode fragmentar para dar lugar a icebergs, xigantescas masas de xeo que flotan á deriva no mar. - **Glaciares alpinos**. Atópanse en zonas de alta montaña como as cordilleiras dos Alpes, os Andes ou o Himalaia # Augas Subterráneas As augas subterráneas localízanse baixo a superficie dos continentes. Proceden da auga de precipitacións, do desxeo ou dos leitos dos ríos que se infiltran no solo. Alí queda almacenada en poros e gretas das rochas formando **acuíferos**. Os acuíferos non son simples depósitos nos que a auga permanece retida senón que dentro deles a auga circula. Cando saen de forma natural á superficie dan lugar a fontes ou mananciais que poden desembocar noutras masas de auga, como ríos ou lagos. A auga dos acuíferos pode captarse escavando **pozos**. Se as augas subterráneas circulan por rochas solubles, como as calcarias, forman sistemas de covas e galerías. As fontes son afloramentos naturais de augas subterráneas. # Augas Superficiais As augas superficiais son as que se atopan sobre a superficie do solo. Proceden das precipitacións ou do afloramento de augas subterráneas. Poden clasificarse en dous grandes grupos: - **Correntes de auga**. Son masas de auga que se moven sempre na mesma dirección, como ríos, regatos ou torrentes. Este tipo de auga vai dende puntos elevados ás zonas máis baixas, influídas pola forza da gravidade, seguindo o camiño que ofreza menor resistencia. - **Augas estancadas**. Son masas de auga que non se moven, como lagos ou pozas. # Vapor de Auga O vapor de auga está presente na atmosfera. Procede da evaporación ou da transpiración. Localízase principalmente na troposfera, nos primeiros quilómetros sobre a superficie da Terra. A humidade representa o contido de vapor de auga que contén o aire. Pode variar moito dun lugar a outro e ao longo do ano. O vapor de auga faise visible cando se forman as nubes. Estas nubes poden dar orixe a precipitacións en forma sólida (neve, sarabia, xeada) ou líquida (chuvia, orballo). # Auga Salgada A auga salgada caracterízase por ter disolta unha elevada concentración de sales. A auga dos mares e os océanos é salgada. Representa aproximadamente 097 % do total da auga do planeta. Algunhas augas subterráneas tamén son salgadas. A auga doce dos ríos, con pequenas cantidades de sales disoltos, desemboca en mares e océanos. Alí evapórase pero os sales que van achegando os ríos non, de modo que se van acumulando. Así, despois millóns de anos de evolución da hidrosfera, acadouse unha salinidade media de 35 gramos de sales por cada litro de auga, principalmente achegada polos ríos. Porén este valor pode variar lixeiramente, así por exemplo na Antártida este valor é un pouco menor debido ás achegas de auga doce producidas polo derretemento dos xeos ou no mar Morto é moitísimo maior xa que se trata dun mar relativamente pequeno e illado. ## Sabías que...? Os organismos extremófilos son organismos capaces de vivir en condicións extremas, é dicir, viven en lugares moi diferentes aos que habitan a maioría de seres vivos do planeta. No mar Morto non atoparemos grandes peixes ou algas que poboan outros mares debido á elevada salinidade, porén este mar alberga vida. Podemos atopar pequenos invertebrados e diferentes especies de microorganismos extremófilos. Podes ver máis detalles [aquí](link). Debido aos sales que leva disoltos, a densidade da auga do mar é maior que a da auga doce. Estes sales fan que a auga salgada se conxele a unha temperatura menor que a doce, a -2 °C. As **correntes mariñas** son desprazamentos de grandes masas de auga salgada. Teñen unha influencia fundamental no clima xa que distribúen a calor polo planeta. Os cambios de temperatura e salinidade inflúen nestas correntes xa que fan variar a densidade da auga, que como sabes ten unha importancia fundamental sobre os movementos de auga. Recordemos as que descubriches na materia de Xeografía e Historia. # Actividades 1. Fai un esquema de chaves no que expliques como se distribúe a auga na Terra. 2. Propón un método para conseguir auga doce no laboratorio a partir dun litro de auga de mar. 3. No laboratorio temos dúas mostras de auga: unha recollida no mar e outra nun río. Que parámetro poderías medir para diferencialas? 4. De onde proceden os sales do mar? 5. Razoa por que a densidade da auga doce é menor que a da auga salgada. Recorda que: Densidade = Masa/Volume 6. Sinala cales das seguintes son augas doces. - Mares. - Ríos. - Lagos. - Glaciares. - Augas subterráneas salgadas. - Casquete polar. 7. Un acuífero é... - ...unha masa de auga subterránea que se localiza nos poros ou nas gretas das rochas. - ...o vapor de auga da atmosfera que se condensa para dar lugar a precipitacións. - ...auga en estado sólido presente en zonas moi frías. 8. Cales dos seguintes tipos de auga doce están en estado sólido? - Glaciares. - Augas subterráneas. - Ríos e regatos. - Vapor de auga. - Casquetes polares. - Pantanos. # O Ciclo da Auga A hidrosfera é unha capa moi dinámica. A auga está en continuo movemento interaccionando coas outras capas da Terra: xeosfera, atmosfera e biosfera. O ciclo da auga é o proceso polo que a auga circula entre os diferentes compoñentes da hidrosfera. En termos globais a auga do planeta é constante. A auga móvese principalmente a causa de dous factores: - A radiación solar que subministra o Sol ao noso planeta. Recorda que a enerxía en forma de calor inflúe sobre os cambios de estado e densidade. - A forza da gravidade, que fai que a auga se mova desde zonas elevadas a outras máis baixas. Os procesos máis importantes deste ciclo son: - **Evaporación e transpiración**. A evaporación é o principal proceso polo que a auga pasa de estado líquido a gasoso grazas á enerxía subministrada polo Sol. A calor proporciónalles ás augas máis superficiais das masas de auga doce ou salgada a enerxía para cambiar de estado. A transpiración é a produción de vapor de auga polas plantas. As plantas captan auga polas raíces. A auga que non empregan no seu metabolismo elimínase como vapor de auga. Recorda que o vapor de auga na atmosfera ten un importante papel xa que é un gas do efecto invernadoiro natural, que axuda a regular a temperatura do planeta. - **Condensación**. Cando o vapor de auga da atmosfera se arrefría pasa a estado líquido e forma nubes. - **Precipitación**. A auga das nubes retorna á superficie da Terra mediante as precipitacións. As precipitacións poden ser líquidas, como a chuvia ou a rosada, ou sólidas, como a neve ou a sarabia. - **Infiltración**. A auga que acada a superficie da Terra pode penetrar nos poros do solo para incorporarse ás augas subterráneas. - **Escorrentía**. A auga das precipitacións que non se infiltra nin evapora discorre pola superficie da Terra, a favor de gravidade, para incorporarse a outras masas de auga. ## Sabías que...? O tempo de residencia é o tempo que permanece de media unha molécula da auga en cada un dos elementos do ciclo da auga. Así por exemplo unha molécula de auga permanece só algunhas horas nos seres vivos, algo máis dunha semana na atmosfera e menos dun mes nun río. Porén pode permanecer 2 500 anos nos océanos, case 10 000 nos glaciares e decenas de miles de anos nas augas subterráneas. O movemento da auga constitúe un dos elementos que modelan o relevo: os glaciares poden modelar montañas, os ríos esculpir vales ou o mar cambiar as costas. # Actividades 1. Copia o debuxo do ciclo da auga no teu caderno e sitúa nel estes procesos: evaporación, transpiración, precipitación, infiltración, augas superficiais, augas subterráneas. 2. Describe o camiño que pode seguir unha molécula de auga do océano desde que sae del ata que volve chegar. 3. Completa a frase. Os dous principais factores que inflúen sobre o ciclo da auga son a _______ do Sol e a forza da _______. 4. Cal dos compoñentes do ciclo da auga está mediado por un ser vivo? - Evaporación. - Transpiración. - Condensación. - Precipitación. - Infiltración. - Escorrentía. 5. Relaciona. - Evaporación: Produción de vapor de auga realizada polas plantas. - Transpiración: Paso de auga en estado líquido a gasoso grazas á enerxía subministrada polo Sol. - Condensación: Paso de auga en estado gasoso a líquido. - Precipitación: Auga que discorre pola superficie da Terra que escapou á evaporación é á infiltración. - Infiltración: Retorno da auga presente na atmosfera á superficie da Terra, en forma líquida ou sólida. - Escorrentía: Proceso polo que a auga penetra no subsolo a partir dos poros e gretas da rochas. # Seres Vivos e a Hidrosfera Como xa sabes, a auga cobre tres cuartas partes do noso planeta e forma parte de todos os organismos. Isto dános unha idea do importante que é para a vida. ## A Auga Forma Parte dos Organismos A auga está presente en todos os seres vivos, tanto nos unicelulares como nos pluricelulares. A porcentaxe de auga no organismo pode ser variable pero todos os seres vivos a necesitan para realizar as funcións vitais. Así, as medusas están formadas por máis do 95 % de auga mentres unha árbore rolda o 50 %. Os líquidos biolóxicos, como o sangue, a suor ou os zumes, están fundamentalmente formados por auga. Tamén forma parte de células, órganos e tecidos. Algunhas das funcións máis destacadas da auga son: - Por ser un gran disolvente pode ser o medio para transportar substancias ou eliminar toxinas. Por exemplo, nos vertebrados os nutrientes distribúense polo corpo a través do sangue e as toxinas elimínanse nos ouriños ou na suor. - Permite regular a temperatura. Así, a calor distribúese polo noso corpo a través do sangue mentres a suor permite refrixerarnos cando a temperatura corporal aumenta. - Actúa como un lubricante. Por exemplo, a comida mestúrase coa saliva na boca permitindo que pase máis facilmente ao seguinte tramo do tubo dixestivo. - Amortece golpes. É o caso do líquido cefalorraquídeo que rodea e protexe o encéfalo. Como podes ver a auga é un compoñente fundamental da biosfera sen a cal non poderíamos vivir. ## A Auga Forma Parte do Ambiente no que Vivimos A auga é un compoñente do medio no que vivimos. É fundamental para a vida dos organismos acuáticos pero tamén para os terrestres xa que sen a súa presenza non lograrían sobrevivir. Recorda que a auga ademais: - Axuda a regular a temperatura do planeta xa que distribúe a calor a través das correntes mariñas. - Permite que, incluso cando as temperaturas son moi baixas, poida desenvolverse a vida en ambientes acuáticos xa que o xeo flota sobre a auga líquida. - Permite que moitos organismos acuáticos se poidan desprazar sobre ela debido á súa elevada tensión superficial. - A auga é un dos axentes que modelan o relevo. A forma das pedras da praia das Catedrais é un exemplo de como a auga modifica o relevo. ## Sabías que...? Seguramente algunha vez oíches que os bosques son o pulmón do planeta. Pois ben, o fitoplancto (algas microscópicas) pode considerarse o segundo pulmón da Terra. Viven na superficie dos océanos, onde pode chegar a luz do Sol. Son seres fotosintéticos que capturan grandes cantidades de dióxido de carbono da atmosfera e producen osíxeno que liberan á atmosfera. # Actividades 1. Cres que entre a biosfera e a hidrosfera se establece algún tipo de relación? Xustifica a túa resposta incluíndo algúns exemplos. 2. Investiga en internet canto tempo pode sobrevivir o ser humano sen beber auga. Por que cres que é un tempo tan reducido? # A Auga como Recurso A auga é un recurso natural renovable que se rexenera a través do ciclo hidrolóxico. Trátase dun recurso insubstituíble xa que ningunha outra substancia pode substituír a auga nas súas funcións. O 3% da auga do planeta é doce. A súa distribución non é regular no planeta de modo que hai zonas do planeta, ou épocas do ano, nas que a auga é escasa. Polo tanto aínda que a auga doce é un recurso renovable se non se realiza un consumo responsable podería chegar a esgotarse. ## Usos da Auga A auga pode destinarse ao consumo ou asignárselle outros usos. ## Consumo A auga consómese principalmente en: - **Usos agrícolas**. Constitúe a actividade humana que máis auga consome, principalmente a rega dos cultivos. - **Usos domésticos**. É a auga que empregamos para beber, cociñar, asearnos ou realizar a limpeza do noso fogar. - **Usos industriais**. A auga emprégase na industria como materia prima, en labores of limpeza ou como refrixerante, por exemplo. ## Outros Usos A auga pode ter outros usos, entre os que destacan: - **Enerxético**. Emprégase para producir enerxía eléctrica en centrais hidroeléctricas. - **Ocio**. Úsase para encher piscinas e realizar numerosos deportes acuáticos. Este uso está moi relacionado co turismo. - **Ambiental**. A auga é parte fundamental dos ecosistemas. ## Ciclo de Uso da Auga A auga cáptase do medio e se é necesario trátase para que a súa calidade sexa adecuada ao uso que se lle queira dar. Despois do uso cambian as súas características de modo que pode ser necesario un tratamento antes de vertela de novo ao medio natural. ## Potabilización A auga destinada ao consumo humano cáptase do medio natural pero normalmente non se pode usar directamente. Nas plantas potabilizadoras a auga natural é sometida a unha serie de procesos para obter auga potable. No proceso de potabilización elimínanse da auga: - substancias que transporta a auga empregando métodos como a filtración ou o cribado. - microorganismos que poden ser prexudiciais para a saúde. Normalmente se engade cloro, un potente desinfectante que elimina a maioría dos microorganismos. ## Depuración A auga é un gran disolvente polo que despois do seu uso pode quedar cargada de residuos. Despois de usar as augas das cidades non poden ser vertidas de novo ao medio natural sen que as substancias non desexadas sexan eliminadas. É necesario sometelas a un proceso de depuración. Nel as augas residuais urbanas trátanse para poder destinalas a outros usos, agrícolas ou industriais, ou para vertelas ao mar ou ao río sen que causen problemas de contaminación. # Actividades 1. Copia e completa o esquema. A continuación explica o seu significado. - Augas naturais - Augas residuais - MEDIO NATURAL - Uso na agricultura, industria ou doméstico - Auga potable 2. No ano 2012 en España o 67% da auga consumida foi captada das augas superficiais, o 29%, de augas subterráneas e o 4% restante doutros tipos de auga (augas salgadas desalgadas). Representa estes valores nun diagrama de sectores ou nun diagrama de barras. 3. Despois de facer o diagrama, responde estas preguntas: - Que usos cres que se lle puido dar a esta auga? - Pode consumirse directamente ou é necesario un tratamento previo? - Despois de usarse, pode a auga verterse directamente ao medio? Por que? 4. Que actividade consome máis auga? - Os usos agrícolas. - Os usos domésticos. - Os usos industriais. 5. Que é a auga potable? - Auga presente nos océanos e mares. - Auga en estado gasoso presente na atmosfera. - Auga doce libre de microorganismos pero que contén substancias tóxicas. - Auga doce que pode ser consumida polaspersoas sen que represente un risco para a nosa saúde. # Contaminación A auga é un dos receptores máis importantes da contaminación. Esta contaminación afecta tanto a augas doces como salgadas. Supón a alteración das súas propiedades de modo que a auga deixa de ser adecuada para o consumo, co consecuente risco na realización de actividades na auga e para o medio ambiente. A contaminación da auga pode ter unha orixe natural, porén na maioría das ocasións está provocada por actividades humanas. A auga é patrimonio de todos nós. O seu valor debe ser recoñecido por todos. ## Contaminación de Augas Doces As augas doces superficiais son máis susceptibles de sufrir contaminación que as subterráneas xa que quedan directamente expostas ás actividades humanas. Porén, cando as augas subterráneas se contaminan xeralmente se trata dun problema grave xa que o tempo de permanencia das augas subterráneas no subsolo é moi grande e, polo tanto, a contaminación pode perdurar períodos de tempo moi grandes. Segundo o uso que se fixo da auga distinguimos: - **Contaminación agrícola e gandeira**. Os restos de pesticidas e fertilizantes empregados na agricultura poden disolverse na auga da chuvia ou de rega e incorporarse ao ciclo. Os excrementos dos animais das granxas son outro tipo de contaminante orgánico xa que favorecen a proliferación de bacterias que consomen osíxeno (facendo perigar moitas formas de vida) e causan enfermidades. - **Contaminación industrial**. Os procesos industriais xeran augas residuais de características moi variadas que dependen do tipo de actividade industrial. Algúns dos contaminantes que poden conter estas augas son metais, pesticidas, aceites... Destaca tamén a contaminación térmica. Prodúcese cando a auga se emprega para arrefriar instalacións, por exemplo, en centrais nucleares. Os vertidos de auga a maior temperatura que a ambiental causan serios problemas nos ecosistemas. - **Contaminación doméstica**. As augas residuais urbanas están cargadas de produtos químicos, como os deterxentes, e materia fecal que ocasiona os mesmos problemas que os excrementos de animais das granxas. ## Sabías que...? Certos organismos poden empregrarse como indicadores de presenza de contaminación. Estes organismos teñen unha baixa tolerancia aos cambios no medio no que viven polo que a presenza de contaminantes pode provocar a súa desaparición. Outros atopan nas augas contaminadas un medio propicio para desenvolverse. Así, estas especies convértense en bioindicadores da contaminación. Por exemplo, as larvas de efémeras son propias de augas pouco contaminadas mentres o anélido Tubifex tubifex aparece en ambientes contaminados. ## Contaminación de Augas Salgadas No mar acumúlanse moitos contaminantes de modo que actúan como sumidoiros. Os contaminantes poden verterse a eles directamente, ser transportados polos ríos ou

Use Quizgecko on...
Browser
Browser