NEAE PDF
Document Details
Uploaded by PrudentPurple
Tags
Related
- Escuela, Familia y Necesidades Educativas Especiales (2012) PDF
- Tema 1. Bases teóricas PDF
- TEMA 2 BUENO PDF
- Orde 8 de setembro 2021 desenvolve Decreto 229 2011 PDF
- SNE3142 Educational Approaches and Resources for Learners with Special Educational Needs PDF
- Máster en Formación del Profesorado de Educación Secundaria (PDF)
Summary
This Galician document defines and discusses different types of special educational needs, including specific learning difficulties, cultural or socioeconomic vulnerability, and high ability. It outlines the importance of inclusive education, emphasizing the individual needs of all students and supports. It also discusses student's difficulties and the importance of adapting education to diverse learners.
Full Transcript
Como vimos na lexislación precedente, o termo de necesidades educativas especiais está incluído dentro das necesidades específicas de apoio educativo, entendido como aquel que requira, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específica...
Como vimos na lexislación precedente, o termo de necesidades educativas especiais está incluído dentro das necesidades específicas de apoio educativo, entendido como aquel que requira, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta. Podemos destacar algunhas definicións clave relacionadas: Alumnado con necesidade específica de apoio educativo 1: que requiran unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentaren necesidades educativas especiais, por atraso madurativo, por trastornos do desenvolvemento da linguaxe e a comunicación, por trastornos de atención ou de aprendizaxe, por descoñecemento grave da lingua de aprendizaxe, por encontrárense en situación de vulnerabilidade socioeducativa, polas súas altas capacidades intelectuais, por térense incorporado tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar. Alumnado con necesidade específica de apoio educativo 2: aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar. Alumnado que presenta necesidades educativas especiais 3: aquel que afronta barreiras que limitan o seu acceso, presenza, participación ou aprendizaxe, derivadas de discapacidade ou de trastornos graves de conduta, da comunicación e da linguaxe, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, e que require determinados apoios e atencións educativas específicas para a consecución dos obxectivos de aprendizaxe adecuados ao seu desenvolvemento. Alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural 4: Por alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural enténdese aquel que presenta desigualdades derivadas de factores sociais, familiares derivados de violencia de xénero, económicos, culturais, xeográficos, étnicos ou doutra índole. Alumnado con altas capacidades intelectuais5: 1. O alumnado con alta capacidade intelectual caracterízase por un potencial elevado nalgunha ou nalgunhas áreas do desempeño humano, en comparación cun grupo de referencia e, considerando as súas posibles manifestacións, diferénciase a precocidade, o talento e a superdotación. 2. Sen prexuízo do anterior e para os efectos desta orde, considérase alumnado con alta capacidade intelectual o que presenta unha capacidade intelectual igual ou superior a 130 de cociente intelectual, un alto nivel de creatividade e persistencia nas tarefas de alta complexidade intelectual ligadas ás súas áreas de interese. 3. É competencia e responsabilidade da xefatura do departamento de orientación, 1 Concepto definido polo artigo 71.2 da LOE modificada pola LOMLOE. Tamén está recollido no artigo 6 da ORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011. 2 Concepto recollido polo artigo 32 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. 3 Concepto definido polo artigo 73 da LOE modificada pola LOMLOE. Tamén está recollido no artigo 7 da ORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011. 4 Concepto definido no artigo 8 da ORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011. 5 Concepto definido polo artigo 9 da ORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011. coa colaboración, de ser o caso, dos equipos de orientación específicos, a acreditación da alta capacidade intelectual. Alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo 6: 1. Unha alumna ou un alumno presentan necesidade específica de apoio educativo por incorporación tardía ao sistema educativo cando, por procederen doutros países ou por calquera outro motivo xustificado, se escolarizan tardiamente no noso sistema educativo e presentan dificultades para acadaren os obxectivos e as competencias que lles corresponderían pola súa idade. Esas dificultades maniféstanse, especialmente, no descoñecemento dalgunha das linguas oficiais de Galicia e/ou no desfasamento curricular. Polo tanto, a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais non se entende sen o principio educativo de atención á diversidade, entendido como: “É un proceso de ensinanza-aprendizaxe baseado no pluralismo democrático, a tolerancia e a aceptación da diferencia, a través da cal intentase promover o desenvolvemento e a madurez persoal de todos os suxeitos. Un tipo de educación fundamentada nos dereitos humanos, no máximo respecto cara a diferenza, na superación de barreiras e na apertura ao mundialismo como resposta ao tipo de sociedade necesitada hoxe. Por conseguinte, estamos propoñendo abandonar o anquilosado modelo asociado á discapacidade e centrado no déficit, cuxas prácticas educativas son xerenciais e burocráticas, para entrar nunha ideoloxía liberal, defensora de procesos de redistribución social e humana” (Sáez, 1997, 31) “Non significa adoptar medidas especiais para o alumnado problemático, senón adoptar un modelo de desenvolvemento do currículo que facilite a aprendizaxe do alumnado na súa diversidade. Tampouco é unha cuestión de cantidade senón de calidade; unha actitude e unha convicción cultural antes que un recurso técnico, que require ensinar a cada un de xeito diferenciado” (Díez y Huete, 1997, 15) Cómpre destacar que estas definicións falan da centración nas necesidades individuais de cada alumno ou alumna e non das carencias ou déficits que poida ter o alumnado. Neste senso é importante deixar recollido que no ano 1988 xorde o Proxecto Necesidades Educativas Especiais na Aula coa finalidade de axudar ás escolas a responder positivamente á diversidade do alumnado. Catorce países nomeados pola UNESCO xúntanse para traballar en conxunto cara unha mesma liña de actuación con respecto a este tema, establecendo tres eixes dentro das políticas educativas: A provisión dunha educación obrigatoria para tódolos nenos e nenas en idade escolar. A integración das persoas con discapacidade nas escolas ordinarias. A necesidade de formar ao profesorado para conseguir as consideracións anteriores. Este proxecto camiña cara unha educación inclusiva, onde a diversidade do alumnado considerase como unha riqueza que reverte nos procesos de ensinanza-aprendizaxe variados dos que hai un beneficio de grupo e non individual. Onde se atenden as necesidades de todo o alumnado, non só dos que teñen unha necesidade educativa de apoio específico. Sen dúbida a atención á diversidade das necesidades educativas dos nenos e nenas é un reto na educación da actualidade. Xa na Conferencia Mundial sobre necesidades educativas especiais: acceso e calidade (Salamanca, 1994) resumíronse os principios declarados pola UNESCO de cara a diversidade na 6 Concepto definido no artigo 10 da ORDE do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011. educación: Os centros educativos deberán acoller a tódolos nenos e nenas independentemente das súas características físicas, psíquicas, emocionais, étnicas, culturais... e recibir unha educación de calidade. O alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (neae) deberá ter acceso ás escolas ordinarias, sendo integrados e satisfacendo as súas necesidades. Os sistemas educativos deberán ser deseñados e aplicados tendo en conta as diferentes características e necesidades de cada persoa. A escola ordinaria será integradora. Os gobernos velarán polo cumprimento destes principios. Posteriormente na Conferencia internacional de educación: A educación inclusiva: o camiño cara un futuro (Ginebra, 2008) xa se recolle o termo de educación inclusiva para referirse á educación para todos e todas as nenas e nenos. 3.2. Outras diversidades O obxectivo educativo na atención á diversidade do alumnado é conseguir que acaden o máximo desenvolvemento persoal e social posible, o que require unha adaptación da educación ás súas singularidades, que lles garanta unha igualdade efectiva de oportunidades e que se lles ofrezan os recursos necesarios. Dende a Lei Orgánica de Educación faise fincapé nos principios de calidade baseada na equidade e de esforzo compartido, cobrando polo tanto relevancia por si mesma a atención á diversidade; entendida, non como un axente igualador, senón como a resposta axeitada, no momentooportuno, ás necesidades educativas do alumnado. (fonte: https://www.inclutopia.com.br/l/equidade-muito-mais-do-que-igualdade/) 3.3. Servizos de apoio ás necesidades específicas de apoio educativo A continuación recóllense algúns profesionais que poden colaborar directa ou indirectamente coa escola cando existen casos de necesidades específicas de apoio educativo. Nas escolas 0-3 anos: Pediatras dos centros de saúde: Actualmente a única vía de detección e derivación aos servizos médicos especializados é a través dos pediatras dos nenos e nenas da escola. Polo que a familia é a primeira vía que ten á súa disposición de cara unha posible detección dunha sospeita. Os Equipos de Orientación Específicos (EOEs): Os Equipos de Orientación Específicos (EOE) son un servizo de apoio especializado externo aos Departamentos de Orientación (DO) dos centros educativos, estando composto por diferentes profesionais especializados que pretenden dar resposta ás necesidades de intervención externa ligadas a aspectos relacionados coa atención á diversidade do alumnado no seu ámbito de actuación (a provincia). Polo xeral esta colaboración entre escola e EOEs realizase no momento en que se valora si un neno ou nena diagnosticado con una neae podería flexibilizar no primeiro ciclo. Servizo de atención temperá 7: Recollese a definición do O Libro branco de atención temperá (2001): “Entendese por atención temperá ó conxunto de intervencións, dirixidas á poboación infantil 0-6 anos, á familia e o medio, que teñen por obxectivo atender o máis axiña posible as necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen o risco de padecelos. Estas intervencións, que deben considerar globalidade do neno ou nena, serán planificadas por un equipo de profesionais de orientación interdisciplinar ou transdisciplinar” Algúns Concellos teñen o seu propio servizo de atención temperá 8 que foi creado coa finalidade de atender a nenos e nenas e as súas familias dentro do propio Concello e así poder descargar os Servizos de atención temperá (SAT) hospitalarios. A derivación realizase a través do mesmo medio, os pediatras dos nenos e nenas. Asociación de familias de persoas con parálise cerebral ou trastornos afíns (APAMP): Actualmente existe unha colaboración entre as escolas infantís, familias e a Asociación APAMP para realizar accións conxuntas, foi un proxecto que se iniciou no curso 2016/17 e continua vixente. Outros profesionais. (logopeda, psicomotricista, psicólogo/a...) As escolas e o equipo educativo as veces son visitadas por especialistas que realizan a visita á escola para observar a un neno ou nena con neae ou para manter unha entrevista coas titoras de aula dos nenos e nenas con neae. Esta visita estará sempre autorizada pola familia do neno ou nena de xeito escrito e tentando interferir o menos posible na dinámica da escola. 7 Recollido no punto 6 do presente tema 8 Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022. 4. A importancia da atención temperá Enténdese por atención temperá ““o conxunto de intervencións, dirixidas á poboación infantil 0-6 anos, á familia e ao medio, que teñen por obxectivo atender o máis axiña posible as necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen o risco de padecelos. Estas intervencións, que deben considerar globalidade do neno ou nena, serán planificadas por un equipo de profesionais de orientación interdisciplinar ou transdisciplinar” (Libro branco da atención temperá. 2005. páx 12). O principal obxectivo da atención temperá é “que os nenos e nenas que presentan trastornos no seu desenvolvemento ou teñen risco de padecelos, reciban, seguindo un modelo que considere os aspectos bio-psico-sociais, todo aquilo que dende a vertente preventiva e asistencial poida potenciar a súa capacidade de desenvolvemento e de benestar, posibilitando da forma máis completa a súa integración no medio familiar, escolar e social, así como a súa autonomía persoal” (Libro branco da atención temperá. 2005. páx 14). Na nosa comunidade, este servizo se atopa regulado polo Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá. (DOG 244, do 23 de decembro de 2013), do que podemos destacar: Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación 2. Serán persoas destinatarias da atención temperá os/as nenos/as de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en situacións de risco de padecelos, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as súas familias e o seu contorno. Non obstante, a atención estenderase ata a data da finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta. Artigo 2. Definicións 1. Enténdese a atención temperá como un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. Desde os servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social. 2. Enténdese por trastorno do desenvolvemento aquelas situacións en que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, restricións na participación social ou calquera outro factor contextual, se produce un atraso ou desviación significativos no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos para a idade de referencia. 3. Enténdense por situacións de risco de padecer un trastorno no desenvolvemento aquelas circunstancias de vulnerabilidade evolutiva que requiren intervención pola descompensación negativa entre factores de risco e protección. Artigo 3. Principios reitores 1. Os principios reitores da Rede Galega de atención temperá son os seguintes: a) Universalidade: acceso ao servizo de todas as persoas que reúnan os requisitos e condicións establecidas. b) Igualdade: ausencia de calquera discriminación no acceso ao servizo. c) Responsabilidade pública: inserción dos servizos nos sistemas sanitario, de servizos sociais e educativo, garantidos polo sector público autonómico de Galicia. d) Descentralización e proximidade: achegamento eficiente do servizo ás persoas destinatarias implementando, sempre que sexa posible, actuacións de base comunitaria para a inclusión social, entendendo os servizos sociais comunitarios como o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais. e) Coordinación: o sistema sanitario, o sistema educativo e os servizos sociais están directamente implicados na protección de menores e deben establecer mecanismos de coordinación eficaces para optimizar os recursos humanos e económicos, evitando en todo momento a fragmentación que poida darse como consecuencia da intervención de múltiples axentes, entidades ou profesionais, así como garantir a continuidade do proceso: a detección, derivación, seguimento e/ou intervención como obxectivos centrais na coordinación na protección dos/as menores de 6 anos. f) Integración social: garantir o dereito das persoas a participar en todos os ámbitos da sociedade recibindo o apoio que necesitan no marco das estruturas comúns de educación, saúde, lecer e cultura, e servizos sociais, recoñecéndolles os mesmos dereitos que ao resto da poboación. g) Interese superior do/a menor. h) Prevención: co obxecto de manter a autonomía persoal dos/as menores e adiar o posible agravamento dos trastornos no desenvolvemento que os afecten ou exista risco de que os poidan afectar. i) Gratuidade: como principio inspirador da Rede, estes servizos non estarán suxeitos a contraprestación económica por parte das persoas usuarias. j) Interdisciplinariedade e alta cualificación profesional. k) Diálogo e participación familiar. l) Calidade. Artigo 4. Metodoloxía das actuacións en atención temperá. A atención temperá desenvólvese como unha atención especializada multidisciplinar, e as actuacións terán un carácter multidimensional e biopsicosocial mediante equipamentos interdisciplinarios especializados en desenvolvemento infantil de 0 a 6 anos, que seguirán un modelo metodolóxico común de actuación: a) Detección precoz dos trastornos do desenvolvemento ou das situacións de risco de padecelos. b) Valoración e intervención interdisciplinaria e transdisciplinaria a través das fases de acollida, valoración, intervención e avaliación. c) Identificación e rexistro do trastorno do desenvolvemento, competencias persoais, factores contextuais, barreiras e facilitadores para o progreso na autonomía persoal e a inclusión social, seguindo o modelo conceptual común da CIF-IX (Clasificación internacional do funcionamento, da discapacidade e da saúde)9. Esta documentación estará incorporada nun expediente único de acordo co disposto na disposición adicional terceira. d) Elaboración e seguimento dun plan personalizado de intervención e formulación coa familia dun contrato asistencial de actividades e apoios específicos que recolla os dereitos e obrigas de ambas as partes, así como os 9 Pola súa extensión, compartímolo como material complementario de forma dixital. recursos que se porán á disposición do/a menor. e) Coordinación cos recursos dos servizos sociais, educativos e sanitarios relacionados cos procesos referidos. f) Autonomía persoal: consideración permanente das persoas destinatarias como suxeitos activos das actuacións que traten de facilitar o seu desenvolvemento persoal. g) Atención personalizada: adecuación flexible do servizo ás situacións e necesidades particulares das persoas destinatarias. h) Atención especializada multidisciplinar: as actuacións terán un carácter multidimensional e biopsicosocial mediante equipos multidisciplinarios especializados en desenvolvemento infantil de 0 a 6 anos. Capítulo III - Ámbito competencial e réxime de prestación dos servizos Artigo 10. Ámbito competencial da prestación dos servizos 1. Corresponde á consellería competente en materia de sanidade a través do Servizo Galego de Saúde: a) A prestación dos servizos referidos nos artigos anteriores no ámbito dos complexos hospitalarios, en relación cos nenos e nenas residentes na área de neonatoloxía ou que pola súa condición de saúde precisan atención, coidados ou asistencia hospitalaria de longa duración. b) O apoio á familia nas eventuais transicións desde o hospital ao domicilio familiar ou lugar de residencia habitual. c) Facilitar a dispoñibilidade doutros servizos sanitarios de forma integrada co plan personalizado de intervención. 2. Corresponde á consellería competente en materia de servizos sociais: a) A prestación dos servizos de atención temperá no ámbito comunitario mediante os centros e programas de desenvolvemento infantil e atención temperá. b) O apoio á familia no proceso de escolarización naquelas actuacións necesarias e que non sexan competencia da consellería competente en materia de educación. c) Facilitar a dispoñibilidade doutros servizos sociais de forma integrada co plan personalizado de intervención que concrete, para cada caso, o conxunto de obxectivos e actuacións adecuadas ás necesidades do/a menor, en cumprimento do establecido no artigo 6, número 3.c da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. 3. Corresponde á consellería competente en materia de educación: a) A atención das necesidades específicas de apoio educativo. b) O asesoramento á familia durante o segundo ciclo de infantil e na transición á educación primaria. c) Facilitar a dispoñibilidade doutros servizos educativos de forma integrada co plan personalizado de intervención. Artigo 11. Procedemento de acceso aos servizos de atención temperá O acceso aos servizos dos tres sistemas implicados e as accións que se desenvolverán planificaranse de forma coordinada, de conformidade co protocolo de coordinación, intervención e derivación que se establece na disposición adicional segunda deste decreto, que para ese efecto se estableza e que se adecuará á normativa vixente reguladora dos diferentes procedementos, de maneira que se consiga unha coherencia e optimización deles, procurando unha complementariedade das intervencións desde os tres sistemas, sen que poida producirse en ningún caso unha duplicidade de servizos e garantindo, en todo caso, un único modelo de intervención conforme os principios, metodoloxía e catálogo básico de servizos definidos nos artigos 3 a 6 e na disposición adicional segunda deste decreto. CAPÍTULO IV Órganos colexiados Artigo 15. Consello Autonómico da Atención Temperá 1. Co fin de asegurar a necesaria coordinación interdepartamental, créase o Consello Autonómico da Atención Temperá, órgano colexiado adscrito ás consellerías con competencia en materia de sanidade, educación e servizos sociais e de ámbito autonómico, e que está integrado polos/as seguintes membros: a) Titular da consellería con competencias en materia de servizos sociais. b) Titular da consellería con competencias en materia de sanidade. c) Titular da consellería con competencias en materia de educación. d) Titular da Secretaría Xeral de Política Social. e) Titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde. f) Titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. 2. O Consello nomeará entre os seus membros, por maioría de votos e por un período dun ano, o/a seu/súa presidente/a, entre os/as titulares das consellerías con competencias en materia de sanidade, educación e servizos sociais. 3. O Consello terá un/unha secretario/a, que deberá de posuír a condición de empregado/a público ao servizo da Administración autonómica, e que terá voz pero non voto no Consello. 4. O Consello reunirase, ao menos, unha vez cada seis meses e ten como funcións encomendadas: a) Propor e establecer as liñas estratéxicas de acción en atención temperá na Comunidade Autónoma de Galicia. Cando as liñas estratéxicas de acción se engloben dentro de plans estratéxicos, a función do Consello limitarase á proposta. b) Coñecer a avaliación das actuacións realizadas polos diferentes órganos e organismos e ratificar a planificación anual prevista por eles. c) Tomar en consideración as recomendacións e aprobar, se for o caso, as propostas de cambio ou mellora no protocolo de coordinación, intervención e derivación que formule cada consellería. d) Promover a formación continua en procedementos de coordinación entre os servizos implicados na atención temperá e na especialización dos/as profesionais. e) Aprobar o Protocolo de coordinación de atención temperá, por proposta da Comisión Técnica da Atención Temperá. f) Propoñer o desenvolvemento da carteira propia de servizos dentro do ámbito competencial de cada consellería e a tipoloxía, a intensidade e os termos de prestación daqueles servizos complementarios que se consideren convenientes. g) Establecer o método básico de recolla de información que permita exportar os datos de cada neno e nena, de xeito que exista un fluxo de información entre os órganos e organismos do sector público autonómico de Galicia con responsabilidade en atención temperá. h) Establecer o plan de traballo da comisión técnica para o desenvolvemento das actuacións que se determinen. 5. Canto ao non establecido neste artigo para o réxime de organización e funcionamento seguirase o disposto na sección III, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no capítulo II, do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no seu regulamento de réxime interior. 4.1. Criterios para entrar na Rede galega de atención temperá Segundo o Protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional en atención temperá da Xunta de Galicia, para a delimitación dos nenos e nenas con trastorno do desenvolvemento ou situacións de vulnerabilidade evolutiva que deben acceder aos servizos de Atención temperá empregaranse os seguintes criterios: a) O/a neno/a presenta unha condición diagnóstica con alta probabilidade de desenvolver un trastorno ou atraso no desenvolvemento: Cromosomopatías (trisomías, delecións, duplicacións, translocacións, inversións...) Outras síndromes (X Fráxil, Angelman, Cornelia de Lange, Smith Lemli Opitz, Williams, CHARGE, osteoxenése imperfecta, acondroplasia...) Trastornos innatos do metabolismo (síndrome de Hurler, de Hunter, I-Cell, Tay Sachs, Lesch-Nyhan...) Prematuridade (< 28 s xestación) ou baixo peso (