Crise do século XVII: Aspectos socioeconómicos e políticos PDF
Document Details
Uploaded by Deleted User
Tags
Related
- Revolucions liberals (1789-1871) PDF
- Unidade 1 - 2.pdf - História Económica do Século XX
- Invasión! Xeografía e Historia 2º ESO PDF
- La Revolució Francesa i l'Imperi Napoleònic PDF
- Medidas Sociais Pombalinas e Progresso Económico (PDF)
- Análise das Fontes: Portugal no Contexto da Ascensão Económica da Inglaterra (PDF)
Summary
Este documento analiza a crise socioeconómica e política do século XVII na Península Ibérica. Analiza a diminución da produción agrícola, a competencia estranxeira, o sector artesanal e o comercio con América. Tamén discute a crise demográfica e as súas consecuencias. O documento discute as causas da crise e as propostas de solución, como as medidas do conde-duque de Olivares.
Full Transcript
BLOQUE 1: SOCIEDADES NO TEMPO PREGUNTA 3. A CRISE DO SÉCULO XVII: ASPECTOS SOCIOECONÓMICOS E POLÍTICOS Durante o século XVII produciuse a perda progresiva da hexemonía política da Monarquía hispánica no conxunto europeo. Este declive coincidiu coa decadencia económica de Castilla, núcleo esencial...
BLOQUE 1: SOCIEDADES NO TEMPO PREGUNTA 3. A CRISE DO SÉCULO XVII: ASPECTOS SOCIOECONÓMICOS E POLÍTICOS Durante o século XVII produciuse a perda progresiva da hexemonía política da Monarquía hispánica no conxunto europeo. Este declive coincidiu coa decadencia económica de Castilla, núcleo esencial da monarquía, e cunha grave crise social e política no conxunto do territorio peninsular. Nesta etapa mesturáronse problemas económicos, financeiros e demográficos que provocaron unha grave crise social e política. A crise económica afectou especialmente a Castilla e debeuse á diminución da produción agrícola pola perda de colleitas debido ó empeoramento climático (descenso xeneralizado das temperaturas). Tamén diminuíu o número de gando, especialmente ovino, ó reducirse a demanda de la pola competencia estranxeira. O sector artesanal tamén se viu en problemas: o téxtil pola competencia de produtos estranxeiros de maior calidade e menor prezo, e o metalúrxico e naval pola redución de pedidos pola Coroa debido ás súas dificultades financeiras. Ademais produciuse unha contracción do comercio con América polos bloqueos marítimos, o desenvolvemento das economías crioulas capaces xa de abastecerse por si mesmas, o aumento do custo dos 1fretes e a inxerencia de holandeses, franceses e ingleses no comercio americano. A crise demográfica ten como causas a diminución do alimento que provocou debilidade física e difusión de enfermidades epidémicas (peste bubónica, tifo, paludismo, difteria, etc.) que aumentaron a mortalidade. Produciuse unha redución da poboación que se agravou coa emigración a América e a expulsión dos mouriscos en 1609 (reinado de Felipe III). Despoboouse especialmente o interior (Castela perdeu un 12 % da poboación). A contracción da actividade económica e a redución da cantidade de prata chegada de América deu lugar á bancarrota das finanzas estatais, ó descender os ingresos nun momento en que aumentaban os gastos debido ás guerras: guerra dos Trinta Anos entre 1618 e 1648; revolta catalá e portuguesa en 1640; o conflito nos Países Baixos que por sí só consumía o 80 % dos ingresos da Facenda Real... Ademais o custo da política exterior dos Austrias españois recaía exclusivamente en Castela. As medidas adoptadas para incrementar os recursos foron subir os impostos; pedir préstamos a banqueiros nacionais e estranxeiros (Fugger, Welter, etc.) que esixían elevados xuros; a emisión de xuros, unha especie de débeda pública e a emisión continua e masiva de moeda de baixa calidade (vélaro) que provocou unha enorme inflación. 1 Frete: Prezo do transporte das mercadorías, tanto por terra como por vía fluvial, por mar ou por aire. As dificultades económicas provocaron unha forte polarización da sociedade: unha minoría (nobreza, clero, alta burguesía) dispoñía de rendas suficientes para levar unha vida ociosa, e unha masa de xente empobrecida (campesiños, artesáns, pequenos comerciantes) que en moitos casos non ten outra saída que ir mendigar ás cidades (isto queda reflectido, por exemplo, na pintura barroca de Murillo ou José de Ribera, así como no desenvolvemento da literatura picaresca). Iso deu lugar a un modelo social no que a maioría da poboación aspiraba a vivir de rendas como os señores ou enriquecerse nas Américas, en vez de valorar o esforzo e o traballo. Tamén se estenden formas de rebeldía popular como é o bandoleirismo, moi estendido en Valencia e Cataluña ou motíns antiseñoriais. Para facer fronte á situación xurdiron propostas de solución o que deu lugar ó fenómeno coñecido como arbitrismo (foron figuras destacadas Martín González de Cellorigo, Fernández de Navarrete, Martínez de la Mata e Tomás de Mercado). Os intelectuais englobados nesta corrente buscaron as causas da crise e propoñían ós monarcas solucións (arbitrios): consideraban que a raíz da decadencia económica estaba na falta de produción propia que levaba a comprar produtos doutros países para abastecer a demanda interna e as colonias americanas, ademais dos excesivos gastos da Coroa pola súa política exterior. Recomendaban en consecuencia fomentar o investimento en actividades produtivas e a redución de gastos por parte da Monarquía, que debía ocuparse máis dos problemas internos que dos conflitos europeos. Nesta situación de crise económica e social e de conflitos bélicos (guerra dos Trinta Anos (1618-1648), enfrontamento coas Provincias Unidas nos Países Baixos), prodúcese durante o reinado de Felipe IV (1621-1665) o intento de reforma do conde-duque de Olivares, valido do rei. O obxectivo era solucionar a crise interna para aumentar os recursos da Coroa e poder manter a hexemonía da Monarquía hispánica en Europa. Para solucionar a crise económica propuxo medidas recomendadas polos arbitristas, como fomentar a produción propia adoptando medidas proteccionistas e reducir a emisión de moeda para conter a inflación. A súa proposta a nivel político foi a Unión de Armas (1626): que todos os reinos contribuíran ó mantemento dun exército permanente en proporción á súa poboación e riqueza, de xeito que o custo de soster o Imperio non recaese exclusivamente en Castela. O programa de reformas do valido buscaba fortalecer o poder real, a unificación lexislativa dos reinos e a súa contribución equitativa para soster a política exterior. Pero isto provocou a oposición dos diferentes reinos que van a defender os seus privilexios forais. Como exemplos teríamos a independencia de Portugal e a rebelión catalá de 1640. As causas da independencia de Portugal foron o descontento dos portugueses pola política de castelanización, a obrigada participación de soldados portugueses en Cataluña e a perda de parte do seu imperio colonial polos ataques dos holandeses. Aproveitando a debilidade da Monarquía, unha conspiración nobiliaria fíxose co poder e proclamou ó duque de Braganza rei de Portugal (Xoán IV) en 1640. España recoñeceu definitivamente esa independencia en 1668 logo de fracasar os intentos por recuperar o reino. O matrimonio de Catarina de Braganza con Carlos II de Inglaterra vai fortalecer a alianza angloportuguesa o cal dificultará á Coroa española recuperar Portugal. A rebelión catalá estivo motivada pola entrada das tropas reais no territorio para combater ós franceses que invadiran o Rosellón. O aloxamento das tropas castelás ocasionou tumultos que culminaron coa sublevación dos segadores e a morte do vicerrei, o conde de Santa Coloma, en Barcelona (Corpus de sangue, sete de xuño de 1640). Olivares enviou ó exército para reprimilos e quixo aproveitar a situación para modificar os privilexios forais. Ante a gravidade da situación, a Generalitat catalá, liderada polo deputado Pau Clarís, convocou Cortes e asumiu o goberno de Cataluña. En 1641 a Generalitat solicitou axuda a Francia e proclamou a Luís XIII conde de Barcelona. O conflito alongouse, pero o temor ó dominio francés e as promesas de Felipe IV de respectar os privilexios forais, minaron a resistencia dos cataláns. En 1652 as tropas reais entraron en Barcelona e o rei ratificou os privilexios forais de Cataluña. Houbo tamén intentos de sublevación noutros territorios peninsulares como a conspiración en Andalucía en 1641 liderada polo duque de Medina Sidonia que pretendía constituír un reino andaluz independente. O mesmo sucedeu en Aragón onde en 1648 o duque de Híjar encabezou unha conspiración nobiliaria que tiña como obxectivo converter a Aragón nun reino independente, para o que esperaban contar co apoio de Portugal e Francia. Ambas as dúas foron detectadas e duramente reprimidas. As derrotas militares e os levantamentos internos provocaron a substitución de Olivares por Luís Méndez de Haro. Isto supoñía o fracaso do seu proxecto reformista: os Austrias españois non conseguirían establecer unha maior centralización nin a uniformidade lexislativa nos seus territorios e tamén verían perder a súa hexemonía en Europa en favor de Francia. En 1648 Luis de Haro, valido de Felipe IV firmou con Francia a denominada Paz de Westfalia pola que a Coroa española recoñecía a independencia dos Países Baixos; Francia anexionou Alsacia e Lorena e cortou o “camiño español” que unía o norte de Italia e Flandes. Felipe IV, aproveitando a rebelión da Fronda en Francia tomaba Barcelona e poñía fin á guerra en Cataluña en 1652. En 1659 Luis de Haro, en representación de Felipe IV, e o cardeal Mazarino que representaba a Luís XIV, firmaron a paz dos Pireneos. Por este acordo España cedía Artois e algunhas prazas flamencas, o Rosellón e case toda a “Cataluña norte”, ademais de recoñecer a anexión de Alsacia. A fronteira con Francia fixábase nos Pireneos. Acordábase tamén a voda de Luís XIV con María Teresa, filla de Felipe IV se ben Francia renunciaba ós dereitos sucesorios ó trono español e entregaba unha importante dote. O tratado esixía tamén a España unha reparación a cataláns antes perseguidos e Francia obrigábase a manter os usos tradicionais na Cataluña francesa, cousa que non respectou. Eses tratados poñían fin á guerra dos Trinta Anos e supuxo o punto culminante da rivalidade entre Francia e os territorios dos Habsburgo (o Imperio español e o Sacro Imperio Romano Xermánico) pola hexemonía en Europa. Logo destes tratados Francia consolidábase como potencia europea mentres que se confirmaba o ocaso da Monarquía hispánica dos Austrias españois, cuxa dinastía chega á súa fin coa morte de Carlos II en 1700 sen descendencia. Isto dará lugar á guerra de Sucesión á coroa española entre 1700 e 1715. CONCEPTOS Mouriscos: Son os musulmáns convertidos ó cristianismo logo da conquista de Granada polos Reis Católicos en 1492. Eran moi numerosos en Aragón e Valencia e en Granada concentrábanse na zona das Alpujarras. No século XVII as peticións da Igrexa, as presións populares e as propias conviccións dos gobernantes, levaron a que Felipe III decretase a súa expulsión en 1609, feito que tivo consecuencias negativas nos territorios nos que se concentraban: despoboamento, perda de man de obra hábil nos cultivos de horta e na elaboración da seda, diminución de recursos... Valido: Figura política propia da Monarquía hispánica (s. XVI-XVII), concretamente dos reinados dos Austrias menores (Felipe III, Felipe IV e Carlos II), que gozaba da máxima confianza do monarca e realizaba no seu nome as súas funcións. A súa aparición explícase pola maior complexidade das tarefas de goberno e tamén polo desinterese amosado por algúns monarcas no desempeño do seu cargo. Como exemplos teríamos o duque de Lerma, valido de Felipe III, ou o conde-duque de Olivares, valido de Felipe IV. Unión de Armas: Proxecto político presentado en 1626 polo conde-duque de Olivares, valido de Felipe IV (1621-1665), polo que todos os reinos da Monarquía hispánica terían que contribuír con homes e cartos á súa defensa, en proporción á súa poboación e riqueza. O obxectivo era a contribución equitativa ó esforzo exterior da monarquía, que ata entón recaía maiormente en Castilla, nun momento no que España estaba envolta nos conflitos derivados da guerra dos Trinta Anos (1618-1648). O intento de aplicación da Unión de Armas atopouse coa oposición de moitos reinos por consideralo unha vulneración dos seus privilexios forais e foi unha das razóns da rebelión catalá e da independencia de Portugal en 1640.