O Rexurdimento das Cidades Europeas (PDF)
Document Details
Uploaded by Deleted User
Tags
Summary
Este documento analiza o rexurdimento das cidades europeas, centrándose no crecemento da produción agrícola, o desenvolvemento da artesanía e o comercio a partir do século XII. Resume as rutas comerciais e as condicións sociais das cidades medievais.
Full Transcript
3. O rexurdimento das cidades europeas 3.1. A expansión agrícola e comercial 1. Por que aumentou a produción agrícola en Europa a partir do século XII? 2. De que xeito inflúe o incremento da produción agrícola no desenvolvemento da artesanía, o comercio e a banca? 3. Cales son as rutas comerciais...
3. O rexurdimento das cidades europeas 3.1. A expansión agrícola e comercial 1. Por que aumentou a produción agrícola en Europa a partir do século XII? 2. De que xeito inflúe o incremento da produción agrícola no desenvolvemento da artesanía, o comercio e a banca? 3. Cales son as rutas comerciais máis importantes na Europa baixomedieval? 1. A produción agrícola en Europa aumentou a partir do século XII porque se aumentou a superficie de cultivo e se introduciron novas técnicas agrícolas: O arado de veso, novos cultivos (cítricos, arroz...), a expansión do regadío, a rotación trienal de cultivos, a difusión de muíños de auga e de vento... 2. O incremento da produción agrícola supuxo un gran aumento da poboación europea, crecendo as necesidades da poboación, desenvolvéndose a produción artesanal e reactivándose o comercio. O crecemento do comercio facilitou a aparición de novas técnicas financeiras: o crédito, o cambio de moeda, a banca e as letras de cambio. 3. As principais rutas comerciais medievais son marítimas: A ruta do Mediterráneo: Os mercadores europeos importaban produtos de luxo (perfumes, seda ou porcelana) e exportaban tecidos e armas. A ruta do Atlántico e do Báltico: estaba controlada pola Hansa (asociación de comerciantes do norte de Europa) e circulaban a la castelá e inglesa, os viños franceses, o estaño inglés e o ámbar, as peles, a madeira e o trigo do Báltico. 3.2 O desenvolvemento da artesanía 1. Que son os gremios? En que condicións aparecen? 2. Enumera as categorías de artesáns que existían. 1. Os gremios son asociacións de persoas que traballan no mesmo oficio (teceláns, ferreiros, canteiros...). Xorden no século XIII, cando aumenta a produción e necesitan axudarse mutuamente e evitar a competencia. 2.Nos oficios artesáns, a carreira profesional pasaba por tres categorías: Mestre: o dono do obradoiro. Oficial: traballador experto do obradoiro. Aprendiz: traballaba durante varios anos ata ter experiencia e poder percibir un salario. 3.3. A vida urbana na Idade Media 1. Por que creceron as cidades europeas entre os séculos XI e XIII? 2. Como se gobernaban as cidades medievais? 3. Quen son os burgueses? Eran todos iguais? 4. Como se adaptaron as ordes relixiosas ao auxe da vida urbana? 5. Como vivían os grupos de poboación xudía e musulmá nas cidades da Europa medieval? 1. O crecemento das cidades europeas entre os séculos XI e XIII explícase por tres causas: As novas técnicas agrícolas requirían menos man de obra no campo, producíndose un éxodo ás cidades. O campesiñado trasladábase ás cidades fuxindo da servidume feudal. O comercio reactivouse e os mercadores instalábanse nas cidades buscando protección e proximidade aos mercados. 2. As cidades contaban coas súas propias normas, que se recollían no foro (documento concedido polo rei e que recolle os dereitos e privilexios dunha cidade, así como a súa independencia do poder feudal), e contaban co seu propio goberno: o concello (presidido por un xuíz e os alcaldes, e formado polos rexedores). 3. O habitante das cidades medievais chamábase burgués. O burgo era unha fortificación que ofrecía seguridade aos comerciantes e artesáns, polo que vivían preto del. Co tempo, acabouse usando o termo burgués para referirse a todos os habitantes da cidade. Entre os burgueses había diferenzas: A elite que controlaba o goberno da cidade (principais mercadores e artesáns e alto clero). A maioría da poboación. Os pobres e os marxinados. 4. Como os antigos mosteiros estaban illados no campo, xurdiron novas ordes relixiosas que fundaron conventos dentro das cidades. Estas novas ordes vivían na pobreza e na mendicidade, por iso se lles chama ordes mendicantes. As máis importantes son a franciscana e a dominica. 5. A poboación xudía e musulmá vivía en zonas separadas (as xudarías e as mourarías), tiñan unhas normas diferentes, pagaban máis impostos, aos xudeus non se lles permitía o matrimonio cos cristiás e non se lles permitía entrar nos gremios. 3.4. A transformación cultural nas cidades 1. Explica a diferenza entre as escolas catedralicias e as municipais. 2. Como xorden as universidades? 3. Cales eran as facultades especializadas das universidades medievais? Quen dirixía as universidades e as facultades? De onde proviñan os mestres? 4. Como afectou o auxe da vida urbana á cultura medieval? 1. Ante a necesidade da monarquía e da burguesía de ter persoal cualificado, nacen as escolas urbanas. Estas podían ser de dous tipos: escolas catedralicias: dependían do bispado e impartían estudos relixiosos. Escolas municipais: dependían do concello e ensinaban, ademais de relixión, outras materias. 2. As universidades xorden cando os mestres das escolas urbanas se agrupan en gremios nos que defender a súa autonomía e os seus privilexios. Co tempo, chamóuselle universidade aos centros de estudos especializados que se fundaban nas cidades. 3. As universidades medievais especializábanse en 4 facultades: Artes Liberais, Medicina, Dereito e Teoloxía. As universidades dirixeas o reitor e as facultades o decano. Os mestres adoitaban pertencer ás ordes mendicantes. 4. O auxe da vida urbana favoreceu o desenvolvemento arquitectónico, a aparición de novos xéneros literarios (libros de cabalaría, poesía lírica e cantares de xesta) e con eles o uso das linguas romances, así como o redescubrimento de obras filosóficas da Antigüidade, como vemos en Tomé de Aquino, que se inspira en Aristóteles. 3.5. O fortalecemento do poder real 1. Como se produce o fortalecemento do poder real a partir do século XII? 2. Como se gobernaban os reinos a partir do século XII? 3. Enumera as causas dos enfrontamentos entre os monarcas e pon algún exemplo. 1. O fortalecemento do poder real está relacionado cos cambios que se produciron a partir do século XII: As cidades e a burguesía axudaron a impoñer o poder real sobre os nobres. O desenvolvemento económico permitiu recadar máis impostos, facilitándolle á realeza a creación de exércitos propios. As universidades e o dereito romano conferíanlle ao monarca máis poder que o dereito tradicional. 2.Os reis convocaban Cortes ou Parlamentos para buscar o apoio das cidades e rebaixar o poder da nobreza. Tiñan como función establecer novos impostos e aprobar gastos extraordinarios para sufragar as guerras. Eran moi diferentes dos actuais: só estaban representados o rei, a nobreza, o clero e o goberno das cidades e só se reunían cando o monarca quería. 3. A maior parte dos conflitos medievais sucedían polo desexo dos reis de ampliar os seus dominios. Así, atopámonos con disputas sucesorias cando os monarcas se enfrontan polo trono dun rei que morreu sin sucesor, conflitos fronteirizos e enfrontamentos entre o rei e os nobres que non recoñecían o seu poder. O exemplo máis coñecido de disputa medieval é a guerra dos Cen Anos (1337-1453), que comezou pola pretensión do rei inglés de herdar o trono francés. Outro conflito moi coñecido foi o Cisma de Occidente, loita relixiosa do século XV no que chegou a haber tres papas ao mesmo tempo. 3.6. A crise do século XIV 1. Cales foron os acontecementos que fixeron que a Europa do século XIV atravesase unha profunda crise? 2. Por que se estancou a produción agrícola a finais do s. XIII e que efectos tivo a crise agrícola sobre a poboación europea? 3. Explica as causas das rebelións populares que se produciron no século XIV. 4. Que é a peste negra e que consecuencias tivo? 1. Despois dunha etapa de crecemento xeneralizado, no século XIV Europa atravesou unha profunda crise causada por diversos factores: a crise da agricultura que provocou grandes fames, revoltas, guerras e a terrible epidemia de peste negra na que morreron 25 millóns de persoas. 2. A produción agrícola estancouse a finais do s. XIII debido a que as terras estaban esgotadas, as plantas do téxtil substituían aos cultivos alimenticios e a que se freou a cavadura de novos terreos. A comezos do XIV, varios anos de elevadas choivas e inundacións estragaron as colleitas, provocando a suba dos prezos, crises de desabastecemento nas cidades, grandes fames e desnutrición. 3. Ante as guerras e as malas colleitas, os monarcas, a nobreza e a Igrexa elevaron os impostos. Isto, xunto coa falta de alimentos, foi a causa de numerosas e violentas revoltas campesiñas, como as jacqueríes en Francia ou as guerras irmandiñas en Galicia. 4. A peste negra é unha epidemia que asolou Europa entre o 1347 e 1352 causando unha gran mortaldade. Os primeiros casos déronse no Mediterráneo e crese que veu de Asia transportada nas bodegas dos barcos mercantes xenoveses (o vector de contaxio da enfermidade son as pulgas das ratas). As cidades foron as máis afectadas e tivo unhas consecuencias devastadoras na poboación. 3.7. O Gótico, unha arte urbana 1. Onde xurde o gótico? Que relación ten co renacemento das cidades? 2. Debuxa os seguintes elementos da arte gótica: rosetón, arco oxival, bóveda de cruzaría, contraforte e arcobotante. 3. Que diferenzas hai entre unha catedral románica e unha catedral gótica? 1.O gótico xorde na Francia de finais do século XII. Os edificios góticos máis importantes son as catedrais, símbolo e imaxe das cidades europeas deste período. 2. rosetón arco oxival bóveda de cruzaría contraforte arcobotante 3. As catedrais románicas teñen uns muros grosos e apenas teñen ventás, polo que son escuras. As catedrais góticas teñen uns muros altos e delgados, con enormes ventás polas que entra a luz. Ademais, as catedrais góticas usan arcos oxivais, contrafortes e arcobotantes e as plantas tamén se modifican, tendo unha nave central moito máis longa e elevada cas laterais. 8. A escultura e a pintura na arte gótica 1. Que novidades introduce a escultura do gótico? 2. Que novidades se introducen na pintura gótica? Cales son os pintores góticos máis coñecidos? 1. A escultura gótica abandona o hieratismo románico e busca crear unha sensación de realidade e a humanización das figuras, relacionando as personaxes entre si, facendo os vestidos e os xestos máis detallados. Aínda que o tema siga sendo relixioso, o Deus implacable do románico da paso a un Deus máis amable e, tamén, aparecen os primeiros retratos da burguesía e da nobreza. 2. A pintura gótica ten maior realismo que a do románico, as figuras xa non son estáticas, hai riqueza de cores e usase o dourado, introdúcense paisaxes de fondo e os personaxes expresan sentimentos. A novidade técnica máis importante é a introdución da pintora ao óleo en Flandes, que facilitou facer pinturas con gran grao de detalle. Os pintores góticos máis coñecidos son Giotto, Jan van Eyck e Roger van der Weyden.