Tema 6: O Imperialismo e a Primeira Guerra Mundial (4º ESO) PDF

Summary

Este documento analiza o tema do imperialismo e a Primeira Guerra Mundial, cunha perspectiva histórica.

Full Transcript

# HISTORIA. 4º ESO. IES Perdouro ## TEMA 6: O IMPERIALISMO E A I GUERRA MUNDIAL No século XIX, o colonialismo propio da Idade Moderna será reemprazado polo que coñecemos como Imperialismo colonial. Poderíamos definir o Imperialismo como o dominio ou expansión política, económica ou cultural dun paí...

# HISTORIA. 4º ESO. IES Perdouro ## TEMA 6: O IMPERIALISMO E A I GUERRA MUNDIAL No século XIX, o colonialismo propio da Idade Moderna será reemprazado polo que coñecemos como Imperialismo colonial. Poderíamos definir o Imperialismo como o dominio ou expansión política, económica ou cultural dun país máis alá das súas fronteiras nacionais. Desenvólvese principalmente entre finais do século XIX e o inicio da I Guerra Mundial, e os protagonistas serían as grandes potencias europeas, que foron configurando vastos imperios coloniais, destacando o inglés e o francés. As rivalidades entre as potencias europeas xurdidas arredor do desenvolvemento industrial e a expansión imperialista alcanzaron a súa máxima tensión a comezos do s. XX. Asistimos a unha frenética carreira de armamentos entre elas e á configuración de alianzas e bloques antagónicos, o que provocou que un conflito rexional na zona dos Balcáns desembocase nun enfrontamento a escala mundial. A Gran Guerra (1914-1918) foi unha contenda sen precedentes tanto en número de países enfrontados como en grao de destrución. Empregáronse novas tácticas militares e novo armamento e alcanzaríase unha mortalidade nunca vista antes. ## 1. As grandes potencias europeas Desde os anos setenta do s. XIX, en paralelo á II Revolución Industrial, en Europa fóronse asentando progresivamente sistemas liberais máis ou menos democráticos. Así, en 1914 a democracia estaba consolidada nos países que gozaban dunha economía avanzada como Francia, Reino Unido ou Bélxica. Pola contra, no Imperio Austrohúngaro, e sobre todo na Rusia tsarista, persistían os modelos de goberno autoritarios próximos ao Antigo Réxime. Trátase de dous vellos imperios, aos que podemos sumar o turco, que tiñan en común a súa extensión territorial e a súa realidade multiétnica. - **A Inglaterra vitoriana** O Reino Unido, na época da raíña Vitoria (era vitoriana, 1837-1901), coñeceu unha etapa de esplendor marcada pola expansión imperialista, constituíndo a principal potencia industrial e colonial do mundo. Este longo período caracterízase pola estabilidade política e parlamentaria, grazas á alternancia no poder dos partidos conservador (Tories) e liberal (Whigs), e polas políticas reformistas como a ampliación do sufraxio e dos dereitos sociais. O problema interno de maior incidencia será o independentismo irlandés¹. 1 As reivindicacións independentistas na illa irían en aumento até a insurrección de 1916 en Dublín, que puxo en marcha a partición da illa entre o norte, de maioría protestante e fiel ao Reino Unido, e o sur, de maioría católica e abertamente contraria á pertenza ao Reino Unido. O sur acabou alcanzando a independencia en 1922, coa creación da República de Irlanda. Mais isto non rematou por completo co problema irlandés, pois no Ulster, a zona norte da illa baixo soberanía británica, os enfrontamentos entre a maioría protestante e a minoría católica continuaron durante todo o s. XX. - **A III República Francesa** En Francia, logo do ensaio imperial de Napoleón III e a derrota na Guerra Franco-Prusiana en 1870, unha revolta popular instaura a Comuna de París (1871), na que se levaron a cabo medidas de carácter socialista. Mais o goberno moderado recuperou o control da cidade aos poucos meses e ordenou unha dura represión. A III República (1870-1940) emprendeu reformas democráticas e unha avanzada lexislación social. Francia irase consolidando agora coma un Estado laico e democrático, e avanzará por outra banda na industrialización e na expansión colonial. - **O Segundo Reich Alemán** Alemaña converteuse nunha grande potencia económica e militar durante o II Reich, mais chega tarde á carreira colonial. Como vimos, a unificación política producírase en 1871 ca proclamación do II Reich alemán. O novo Estado alemán estará marcado polo conservadurismo, o autoritarismo e o nacionalismo, acompañado dun forte crecemento industrial. Ata 1890 a política estivo dominada pola figura do chanceler Bismarck, que eclipsou ao propio kaiser e exerceu de árbitro nas relacións internacionais europeas, establecendo unha serie de alianzas coñecidas coma sistemas bismarckianos. A chegada ao poder do kaiser Guillerme II en 1890 abre unha nova etapa na que Bismarck foi deposto e aumentou o protagonismo do emperador en asuntos políticos, desenvolvendo unha política exterior cada vez máis agresiva e belicista. Así, en vésperas da Primeira Guerra Mundial, Alemaña conta cun importante desenvolvemento industrial e tamén cun potente exército, e pretende ademais participar no reparto colonial, o que esperta o receo do resto de países europeos. - **Os imperios plurinacionais** * **Imperio Austrohúngaro:** recibe este nome dende 1867, cando se crea unha monarquía dual: Austria, de cultura alemá, e Hungría, de cultura maxiar. Ambos territorios tiñan en común a figura do emperador (Francisco Xosé I) como xefe de Estado e a política exterior, económica e militar do Imperio. A creación desta monarquía dual pretendía dar resposta ás aspiracións dos nacionalistas húngaros, mais non sucedeu o mesmo coas demandas doutros pobos coma os eslavos ou os checos. Por outra banda, Autria-Hungría levaría a cabo unha política expansionista nos Balcáns que chocaría con Serbia e con Rusia. * **Imperio Ruso:** estaba gobernado polos tsares da dinastía Romanov, emperadores absolutos que se apoiaban no exército e na Igrexa ortodoxa. No s. XIX Rusia era un inmenso e complexo territorio, o máis poboado de Europa, no que a minoría étnica rusa impoñía a súa cultura aos demais pobos. A súa economía era basicamente agraria, controlada por grandes terratenentes, mais dende finais do XIX dérase un avance na industrialización. Os cambios sociais derivados disto farán que o tsarismo conte cunha oposición cada vez maior. * **Imperio Turco-Otomano:** trátase dun vello imperio musulmán moi complexo e extenso, constituído por unha grande variedade de pobos. A mediados do s. XIX experimentaba unha crise política e económica que fixo que se debilitase e perdese cada vez máis territorios. En 1909 produciuse a Revolución dos Mozos Turcos, na que este grupo se fai co poder e instaura un goberno nacionalista que pretendía facer fronte á crise do Imperio. ## 2. As potencias emerxentes - **Os Estados Unidos** Ao longo do s. XIX, Estados Unidos sentou as bases para se converter na gran potencia mundial que será durante a seguinte centuria. O elevado crecemento da poboación e a constante chegada de inmigrantes europeos impulsaron a expansión territorial e a colonización do Oeste, expulsando aos indíxenas das súas terras. A expansión do ferrocarril conseguiu unir a costa atlántica coa pacífica e permitiu a formación dun grande mercado nacional, alimentado pola abundancia de terras e recursos. O resultado da Guerra de Secesión (1861-1865) significou a consolidación de Estados Unidos como nación. Nesta guerra civil o norte industrial venceu ao sur escravista, que baseaba a súa economía nas grandes plantacións de algodón. En 1865 apróbase a abolición a escravitude, mais os antigos escravos negros continuaron sufrindo unha cruel segregación racial nos estados do sur. Por outra banda, foise xestando un sentimento nacionalista apoiado na doutrina Monroe ("América para os americanos"), pola cal ningún Estado europeo tiña dereito a estender o seu dominio sobre América. Isto serviu para xustificar a política exterior imperialista dos Estados Unidos por todo o continente americano. - **O Xapón Meijí** Ata mediados do s. XIX, Xapón vivía no feudalismo, pechado a toda influencia occidental, a calquera innovación económica ou cambio social, mentres as potencias occidentais presionaban cada vez máis para a apertura ao comercio dos portos xaponeses. En 1868 os señores feudais máis fortes proclaman a restauración do poder imperial na figura de Mutsuhito, de 14 anos. Xapón comeza así unha época crucial da súa historia: o período Meiji. O Meiji (ou goberno iluminado) supón fundamentalmente dous principios: o restablecemento da autoridade dos emperadores e a occidentalización do país, aplicando unha serie de medidas modernizadoras que imitan o modelo occidental. Todo isto estará acompañado de diversas reformas económicas e políticas, incluíndo a promulgación dunha Constitución, aínda que o emperador mantén un poder case sagrado. A industrialización estará dirixida e apoiada polo Estado, que leva a cabo ademais a creación dun exército imperial moderno. Xapón converteuse rapidamente nunha das principais potencias industriais, mais a expansión económica e demográfica obrigou ao país a buscar territorios nos que facerse cos recursos que escaseaban no arquipélago. As guerras coa China e con Rusia a finais do XIX e inicios do XX mostraron o novo carácter imperialista do Xapón. ## 3. O Imperialismo colonial Durante o último terzo do s. XIX e principios do s. XX, coincidindo co seu desenvolvemento industrial, as potencias industriais europeas, xunto cos Estados Unidos e o Xapón, rivalizaron polo dominio do mundo político e territorial. Esta situación deu lugar ao imperialismo, polo cal as potencias europeas (me rematarían por exercer o seu dominio sobre as colonias que ocupaban a case totalidade de África, Asia e do Pacífico. ### 3.1. Causas do Imperialismo As explicacións sobre as causas deste complexo proceso son diversas e varían segundo a óptica dos autores: - **Causas económicas:** Na súa orixe está presente o grande desenvolvemento industrial que obrigou a distintos estados a buscar mercados para os seus produtos e materias primas baratas (algodón, caucho, minerais, etc.). Buscan ademais o aproveitamento dunha man de obra indíxena barata e condicións económicas para o investimento de capital (sobre todo na construción de ferrocarrís, portos e cidades). En definitiva, nun momento no que o mercado europeo estaba xa bastante saturado, as potencias industriais buscan novos lugares onde colocar facilmente os seus produtos e capitais, e a poder ser en réxime de monopolio. - **Causas demográficas:** A expansión demográfica do século XIX propicia os movementos migratorios cara a outros continentes na busca de oportunidades. - **Causas políticas:** Por un lado, existe o interese polo control e dominio de rutas con importancia estratéxica tanto desde o punto de vista comercial como militar. A isto súmanse as razóns de prestixio ou demostración de poder, así como a intención de evitar o fortalecemento de países rivais. Polo tanto, xustificouse a expansión imperialista como unha defensa dos intereses nacionais e considerábase a posesión de colonias como un indicador da superioridade dunha nación. - **Causas ideolóxicas:** Tería moito peso o auxe que acada agora o nacionalismo, que fundamentaba o progreso dun país na súa extensión territorial e reivindicaba o pasado máis glorioso de cada país. Por outra banda, o imperialismo xustificouse pola crenza na misión civilizadora da raza branca, ao considerala superior ao resto e co cometido de levar a civilización aos pobos indíxenas. Hai que ter en conta que o racismo estaba á orde do día na sociedade do momento, e xustificábase incluso a partir de supostas teorías científicas. A isto uníase a vontade de evanxelizar aos pobos considerados bárbaros por manter prácticas relixiosas ancestrais, polo que se desenvolveu un intenso labor evanxelizador protagonizado por misións católicas e protestantes. - **Causas científicas:** Considerouse que o avance da ciencia esixía a exploración de todas as rexións da Terra, e neste labor esforzáronse as numerosas sociedades xeográficas xurdidas na época. Así, as distintas viaxes de exploración de zonas descoñecidas do interior de África prepararon o camiño para a súa colonización². 2 As exploracións máis coñecidas son a de David Livingstone, que remontando o río Zambeze chega ata as Cataratas Vitoria, na busca das fontes do Nilo; e a de Henry Stanley, que ao servizo do rei Leopoldo de Bélxica chega ás cataratas do Congo. ### 3.2. Organización e tipos de colonias A presenza dos europeos nos territorios colonizados supuxo o control político, social e cultural e o sometemento dos pobos destes territorios aos intereses económicos das metrópoles. Na formación dunha colonia poderíamos distinguir tres fases: 1. **Conquista:** baseada na superioridade técnica e militar dos países europeos, que penetran en territorios de pobos sen armamento moderno nen boa organización política. 2. **Organización:** os territorios coloniais sometidos ás potencias europeas foron controlados administrativamente desde a súa incorporación. 3. **Explotación:** a organización das colonias faise acorde aos intereses da metrópole, que impón o tipo de producións prioritarias, os prezos, impide o desenvolvemento industrial, desenvolve infraestruturas segundo lle conveña e explótaas fiscalmente. A relación económica da metrópole coa colonia é monopolística. Segundo o modelo de administración imposta, podemos diferenciar os seguintes tipos de colonias: - **As colonias de explotación** eran aqueles territorios nos que a poboación indíxena estaba totalmente sometida á potencia colonial, que implantou un goberno e unha administración europeas. O poder da metrópole exercíase a través dun gobernador. Este sistema predominou en África e en parte de Asia. - **Os dominios ou colonias de poboamento**, sistema implantado nas colonias cunha numerosa poboación europea que impuxo a súa lingua, formas de vida e institucións. Caracterízanse por ter un goberno local autónomo elixido polos colonos, mentres o gobernador era designado dende a metrópole. Gozaban de completa autonomía en política interior, mais a política exterior decidíase na metrópole. Este sistema de control colonial foi específico do Imperio británico en Canadá, Nova Zelanda, Australia ou na Unión Surafricana. - **Os protectorados** eran territorios coloniais con pouca poboación europea, nos que xa existía un estado soberano coa súa propia estrutura política e cultural. Caracterízase porque, en teoría, a potencia colonial respectaba o goberno e a administración indíxena, que controlaba a política interior, mentres que a política exterior, a explotación económica e o exército dependían da metrópole. Este sistema aplicouse por exemplo en Exipto ou en Tunisia. - **Os territorios metropolitanos**, igualados xurídicamente á metrópole, considerándose que forman parte desta, constituíndo así os departamentos ou provincias de ultramar. O exemplo máis claro foi o empregado polos franceses en Arxelia. - **As concesións ou esferas de influencia**, nas que as metrópoles forzaban a un país a establecer acordos para o asentamento de poboación estranxeira, para levar a cabo negocios e para facilitar o comercio. Eran polo tanto territorios politicamente independentes pero nos que unha determinada potencia colonial gozaba de certas vantaxes comerciais. O caso máis notable foi o de algúns enclaves na China. ### 3.3. Colonización e reparto de África Até 1870 a presenza europea en África limitábase a factorías costeiras ou pequenos asentamentos coloniais en zonas próximas ao mar con valor estratéxico ou comercial (Francia ocupaba Senegal e Gabón; Reino Unido algúns enclaves comerciais no golfo de Guinea; e a Portugal pertencíalle Cabo Verde, Guinea Bissau, Angola e Mozambique). En Suráfrica existía unha colonia de poboamento inglesa desde principios do século XIX en continua expansión, o que provocou un conflito cos colonos holandeses establecidos alí (boers). A ocupación da zona mediterránea de África, que formaba parte do Imperio Turco, produciuse progresivamente. Alxeria foi ocupada por Francia a partir de 1830 e máis tarde tamén Tunisia. Gran Bretaña interveu en Exipto en 1882, creando un protectorado para controlar a canle de Suez, construída en 1869. Mais a fase de maior colonización daríase entre o último terzo do século e 1914, completándose a ocupación do territorio africano. África foi completamente desmembrada e repartida entre as potencias europeas, no afán de ocupar as zonas costeiras para despois poder penetrar cara o interior do continente. As principais exploracións seguiron os grandes ríos coma o Níxer, o Congo e o Nilo. Houbo importantes tensións entre as potencias coloniais europeas pola ampliación das súas áreas de influencia en África, debido a diferentes motivos. Un exemplo sería o choque dos dous grandes proxectos xeopolitico de Francia e Reino Unido: o proxecto británico de unir Exipto ca colonia do Cabo (Norte-Sur); e o francés, de unir a costa occidental e a oriental (Senegal - Djibuti). O punto de enfrontamento entre ambas potencias foi Sudán (crise de Fachoda, 1898). Para resolver estas cuestións coloniais celebrouse en Berlín unha conferencia internacional organizada por Bismarck. A Conferencia de Berlín (1885) pretendeu poñer "orde" no reparto de África entre as potencias europeas e evitar así futuros conflitos armados. Os acordos tomados contribuirían a resolver algúns dos conflitos e establecían as condicións para a expansión colonial africana: - Resólvese o conflito entre franceses e belgas en torno ó territorio do Congo, establecendo a liberdade comercial para todas as nacións no territorio do Congo belga. - Recoñecéronse os protectorados alemáns en África. - Estableceuse a liberdade de comercio e navegación polos ríos Níxer e Congo. - As condicións para a ocupación de novos territorios en África serían as siguientes: o país que ocupaba a costa tiña preferencia para ocupar o interior, pero a ocupación do territorio debía de ser real, con administradores e soldados sobre o terreo. En conclusión, máis que un reparto racional de África, a Conferencia de Berlín daría lugar a unha auténtica carreira colonial desde as zonas costeiras cara o interior, de maneira que en 1890 case toda África estaba xa repartida. Aos grandes imperios coloniais de ingleses e franceses hai que unir as posesións belgas, portuguesas, alemás, italianas e españolas. Así, nas vésperas da I Guerra Mundial só Liberia³ e Abisinia (actual Etiopía) quedaban libres do dominio europeo. ### 3.4. Colonización e reparto de Asia A colonización en Asia foi distinta á africana. Non se trataba de pobos con escaso nivel tecnolóxico e febles estruturas estatais, senón que, en xeral, en Asia existían civilizacións ben desenvolvidas, con culturas milenarias coma a china ou a xaponesa. Ademais, Asia fora unha zona de expansión para os europeos desde o s. XVI, de xeito que a presencia colonial no continente era xa intensa, aínda que limitada a factorías comerciais costeiras. Ao longo do s. XIX os europeos intensificaron a súa presencia no continente asiático, mais as fronteiras definitivas non se fixarían ata finais de século. - O Imperio británico tiña o centro na India, a súa colonia máis importante. Esta estaba gobernada pola Compañía das Indias Orientais ata a Revolta dos Sipaios (1857), que obrigou á metrópole a establecer unha administración directa e a intensificar a súa presenza. En 1877 a raíña Vitoria é proclamada Emperatriz das Indias. Dende a India, o Reino Unido estendeuse cara o oeste ata Afganistán e cara o sudeste asiático (Birmania, Malasia e Singapur). - Francia estendeu o seu imperio por Indochina en dirección norte ata chocar cos intereses británicos, motivo polo que o reino de Siam (Tailandia) conservou a súa soberanía como estado- tapón entre as dúas potencias. - Rusia iniciou desde principios do s. XIX a súa expansión nunha doble dirección: cara a Asia central, onde a desconfianza británica levou ao establecemento do estado-tapón de Afganistán; e cara a Siberia oriental e o norte de China. Nesta última zona chocaría cos intereses xaponeses, producíndose un enfrontamento no que Rusia foi derrotada (guerra ruso-xaponesa de 1904-1905). 3 En 1847 fundouse o que sería o único estado independiente da costa atlántica africana: Liberia. Tratábase dunha creación de carácter filantrópico para "transvasar" antigos escravos negros dos EEUU. - O grande imperio da China era un enorme mercado desexado por todas as potencias imperialistas, mais os chineses mantiñan pechados os seus portos ao comercio occidental. Con todo, os ingleses practicaban aquí un contrabando masivo de produtos, sobre todo de opio cultivado na India que era cambiado por té. A prohibición chinesa deste comercio desembocou en sucesivas Guerras do Opio a mediados do século XIX. Estas guerras deron lugar aos chamados Tratados Desiguais, que obrigaron a China a facer concesións económicas, coma a apertura de certos portos ao comercio europeo. Os ingleses conseguiron ademais o control de Hong-Kong. A rivalidade entre as potencias coloniais (Xapón, Rusia, Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Estados Unidos) sería a que preservou a independencia de China. A presença colonial provocou a aparición de movementos de protesta (como o dos boxers) que poñerían fin á monarquía imperial en 1911. - Outros países que tamén tiñan colonias en Asia eran: Holanda, co arquipélago de Indonesia; Portugal, con enclaves comerciais na India, China e a illa de Timor; e España, que ata 1898 mantivo o control das Filipinas, que pasarían entón aos EEUU. ### 3.5. O Imperialismo dos EE.UU. e do Xapón A expansión imperialista dos EE.UU, que se producirá dende finais do século XIX, diferénciase da europea en que non anexiona amplos territorios, senón que en xeral o que fai é exercer un control económico baixo a ameaza do uso da forza. É o que se coñece como imperialismo informal. Así, na organización das súas posesións os norteamericanos intentaron evitar na medida do posible a aparencia dun imperio colonial. Preferiron sempre o control indirecto, sendo unha excepción a creación dos novos estados de Alaska e de Hawai. Na súa política imperialista influíron as ideas que reclamaban un papel preponderante dos EE.UU no mundo, coma a Doutrina Monroe, que defendía unha “América para os americanos" (1823). Outras doutrinas da época defendían a superioridade dos norteamericanos, que tiñan a suposta misión de estender a civilización e a democracia no mundo. Coa vitoria fronte a España en 1898 os EE.UU. controlaron Porto Rico e as illas Filipinas. Cuba nacía como Estado independente, pero baixo a tutela dos EE UU. Pouco despois, a política do big stick (gran garrote) do presidente Theodore Roosevelt impulsou a presencia militar dos EE.UU. en Latinoamérica e o Pacífico, exercendo coma unha especie de policía internacional, e anexionando pequenas illas. Este presidente estableceu tamén o control sobre a canle de Panamá, forzando a independencia do territorio panameño respecto a Colombia. A canle era fundamental para facilitar o comercio entre as costas dos EE.UU. O imperialismo xaponés debeuse á presión demográfica e á necesidade de materias primas e de novos mercados que demandaba a crecente industria impulsada pola revolución Meijí. Tamén influíron as correntes nacionalistas da época. O seu obxectivo principal foi China. Consolidarán aquí a súa presencia trala vitoria sobre China en 1895, cando Xapón consigue ver recoñecida a súa autoridade sobre Corea. Ademais de facer pagar ao goberno chinés compensacións de guerra, anexionaron territorios como a illa de Formosa (Taiwan). As aspiracións rusas e xaponesas por dominar Manchuria provocaron unha guerra entre ambos imperios en 1904-1905, na que resultou vencedor Xapón, que desde este momento foi recoñecido como unha das grandes potencias mundiais. ## 3.6. As consecuencias do Imperialismo A influencia do imperialismo nos países colonizados foi moi grande: construíronse portos modernos, vías de ferrocarril, difundiuse a moeda, instaláronse hospitais e conseguíronse vencer algunhas enfermidades tropicais. Porén, os pobos colonizados sufriron un fondo impacto, pois viron transformada a súa economia, sociedade, cultura e formas de vida. - Desde o punto de vista económico, impuxéronse os intereses dos colonizadores: * Empeoraron as condicións de vida dos indíxenas, agás no caso dos grupos aristocráticos e da burguésía, que colaboraron cos colonizadores. * As terras indíxenas expropiáronse e pasaron a mans dos colonizadores. Nestas terras abandonáronse os cultivos tradicionales e establecéronse as chamadas plantacións: grandes monocultivos que respondían ás necesidades das potencias coloniais (caucho en Indonesia, algodón en Exipto, cacao en Nixeria...). * Os indíxenas tiñan que traballar as terras dos colonizadores e mercar os alimentos producidos nas mesmas. * O artesanado local arruiouse pola competencia dos produtos industriais importados. As metrópoles non tiñan interese en desenvolver aquí unha economía industrial, senón en utilizar aos indíxenas como man de obra barata que traballase nas plantacións e nas minas. * Pasouse a unha economía monetaria e de mercado. En resumo, estableceuse unha economía colonial que xerou unha forte dependencia económica da metrópole. Así, cando as colonias alcancen a súa independencia política, terán moi dificil saír desta dependencia económica e converteranse en países subdesenvolvidos. - Desde o punto de vista demográfico, aumentou a poboación polo descenso da mortaldade grazas á introdución de vacinas, medidas hixienicas, construcción de hospitais, etc. - Desde o punto de vista social, a crecente urbanización, os cambios económicos e os novos valores culturais, acabaron coa organización tribal e as xerarquias sociais tradicionais. Impuxéronse fronteiras que dividiron unidades étnicas ou uníronas artificialmente, de xeito que se romperon grupos que convivían dende había centos de anos, mentres se obrigou a convivir a grupos tradicionalmente enfrontados. Ademais, a sociedade colonial era segregacionista, é dicir, aplicaba a separación entre colonos da metrópole e indíxenas. Os primeiros mantiñan as formas de vida occidentais mentres os segundos vivían en condicións de miseria. - Desde o punto de vista cultural, o impacto da cultura occidental provocou a perda da identidade cultural indíxena, de transmisión oral. A difusión do ensino implicou o descenso do analfabetismo, mais tamén a aculturación, pois ensinábase a lingua da metrópole, os costumes da metrópole, a relixión e crenzas da metrópole. A aculturación foi máis forte en Africa que en Asia, debido a existencia aquí de fortes culturas milenarias, como a chinesa ou a xaponesa. Alén disto, cómpre ter presente que unha consecuencia esencial do imperialismo colonial será a I Guerra Mundial, xa que as rivalidades polo control das colonias provocaron fortes tensións internacionais entre as potencias europeas que rematarán co seu enfrontamento na Gran Guerra. 4 Aculturación: proceso de perda da cultura propia pola imposición doutra. ## 4. A I Guerra Mundial (1914-1918) ### 4.1. Causas da guerra. A Paz Armada A principios do s. XX existían en Europa unha serie de tensións e crises que deron lugar a un rearme masivo e a un clima de enfrontamento que en calquera momento podía estoupar. As causas da I Guerra Mundial son múltiples e complexas, mais entre elas podemos citar: - As tensas relacións entre Francia e Alemaña polas reivindicacións territoriais francesas sobre Alsacia e Lorena, territorios perdidos en 1870 logo da guerra franco-prusiana. - As tensións derivadas do Imperialismo, como o conflito de Marrocos, e a entrada na carreira colonial de Alemaña. A chegada ao poder do kaiser Guillerme II en 1890 levou a unha política exterior belicista baseada no nacionalismo e no militarismo. - **A Cuestión de Oriente:** os Balcáns convertironse no escenario de enfrontamento constante entre os imperios austro-húngaro e ruso, que loitaban por controlar a zona tras o debilitamento do Imperio Turco. As aspiracións nacionalistas de diversos pobos desta área aumentaban a tensión no lugar. Este conflito tivera xa diferentes episodios na segunda metade do XIX, pero reactívase co novo século. Entre 1908 e 1913 sucedéronse tres crises nos Balcáns que puxeron a proba os sistemas de alianzas europeos. Estas remataron coa anexion de Bosnia por parte do Imperio Austrohúngaro e co reparto de gran parte de Bulgaria entre os países vecinos, entre os que ten cada vez máis relevancia o reino de Serbia. - Os gobernos e a prensa fomentan un nacionalismo agresivo que alimentaba sentimentos xenófobos e belicistas fronte ás potencias rivais. A etapa correspondente aos anos que precederon à Gran Guerra recibe o nome de Paz Armada (1890- 1914), e caracterízase polos seguintes trazos: * Importante carreira de armamentos. Entre 1890 e 1914 os exércitos de todas as potencias europeas incrementaron considerablemente o número de efectivos e estabeleceuse o servizo militar obligatorio, ademais de mellorar moito à tecnoloxía armamentística grazas à aplicación militar dos grandes avances da Segunda Revolución Industrial (acoirazados, submarinos, canóns, ametralladoras, etc.). 5 A primeira crise marroquí ten lugar en 1905 debido á defensa que fai Alemaña da independencia de Marrocos fronte aos plans de repartir ese territorio entre España e Francia, o que prexudicaba os intereses coloniais alemáns no norte de África. Para evitar a guerra celebrouse a Conferencia de Alxeciras (1906), na que se estableceu un protectorado franco-español en Marrocos. A segunda crise marroquí deuse en 1911, cando Alemaña denuncia o incumprimento do tratado de Alxeciras. En consecuencia, Francia entrega a Alemaña unha importante parte de Camerún, previo recoñecemento alemán do protectorado franco-español sobre Marrocos. - Agrupamento das principais potencias europeas en dous bloques opostos: * **Tripla Alianza (1882):** integrada por Alemaña, Austria-Hungría e Italia. Italia manteríase neutral no inicio da guerra e en 1915 pasaría a formar parte da Entente. * **Tripla Entente (1907),** formada por Francia, Reino Unido e Rusia. A política agresiva alemá levou a un achegamento entre Reino Unido e Francia, asinando un pacto ao que se uniría máis tarde Rusia, que choca con Alemaña por mor dos problemas nos Balcáns. ### 4.2. Desenvolvemento do conflito - **O detonante da guerra: a crise de xullo

Use Quizgecko on...
Browser
Browser