Conquista e Colonización de América PDF

Summary

This document provides a historical overview of the conquest and colonization of America. It details the explorations, institutions, and economic impacts of this period. Key figures such as Christopher Columbus and Hernán Cortés are mentioned. Contains information about treaties and administrative systems.

Full Transcript

BLOQUE 1: SOCIEDADES NO TEMPO TEMA 5: CONQUISTA E COLONIZACIÓN DE AMÉRICA (LEIS DE INDIAS, REVOLUCIÓN DOS PREZOS) O 12 de outubro de 1492 unha expedición formada por unha nao, a Santa María, e dúas carabelas (a Pinta e a Niña) capitaneada polo mariño xenovés Cristóbal Colón e financia...

BLOQUE 1: SOCIEDADES NO TEMPO TEMA 5: CONQUISTA E COLONIZACIÓN DE AMÉRICA (LEIS DE INDIAS, REVOLUCIÓN DOS PREZOS) O 12 de outubro de 1492 unha expedición formada por unha nao, a Santa María, e dúas carabelas (a Pinta e a Niña) capitaneada polo mariño xenovés Cristóbal Colón e financiada pola raíña Isabel I de Castilla, chegaba á illa Guanahaní, que chamou San Salvador (Bahamas) e percorreron a área antillana bautizando as illas nas que fondeaban, como Xoana (Cuba) e a Española (Haití). Polas Capitulacións de Santa Fe, documento firmado polos Reis Católicos que recolle os acordos alcanzados con Colón para a súa expedición, este convertíase en almirante, virrei e gobernador xeral dos territorios descubertos ademais de percibir un décimo de todas as mercadorías atopadas. Colón faría tres viaxes máis sen decatarse de que as terras atopadas eran un novo continente e non as Indias que el pretendía alcanzar viaxando cara ó oeste posto que pensaba que a terra era redonda. Posteriores viaxes dos irmáns Pinzón e Américo Vespucio confirmaban que as terras descubertas eran un novo continente bautizado polo navegante italiano como América. Os novos descubrimentos enfrontaron a Castela e Portugal. Para delimitar a soberanía das súas zonas asinaron en 1494 o Tratado de Tordesillas, polo que se establecía como liña divisoria o meridiano que pasaba a 370 leguas ó oeste das illas de Cabo Verde, de xeito que os territorios situados ó oeste serían para Castela (América e o Pacífico), e os situados ó leste para Portugal (África, Asia e a costa de Brasil). Podemos establecer as seguintes fases no proceso de exploración e conquista das novas terras descubertas: Entre 1492 e 1528 domínase toda a zona das Antillas, Ponce de León chega ás costas de Florida, Núñez de Balboa descubre o Pacífico (1513) e Díaz de Solís chega ó Río da Prata. No período 1519-1540 prodúcese a primeira volta ó mundo, obra dos mariños Magalhaes e Elcano (1519-22); conquístase o imperio azteca (México), obra de Hernán Cortés (1519- 21); conquístase o imperio inca (Perú), obra de Francisco Pizarro (1527-32); Pedro Valdivia conquista Chile, Pedro Mendoza Río da Prata e Cabeza de Vaca fai expedicións dende Florida a California. No período 1541-1560 Hernando de Soto fai expedicións polo val do Mississippi, Vázquez Coronado por Novo México e Orellana navega polo Amazonas. No período 1570-1600 Álvaro de Mendaña e Fernández Quirós descobren as illas de Polinesia e Miguel López de Legazpi conquista Filipinas en 1571. Todos os territorios americanos, denominados as Indias (pola confusión de Colón) pasaron a depender directamente do rei e quedaron incorporados á Coroa de Castilla. O territorio dividiuse en dous vicerreinados, o de Nova España con capital en México, que comprendía América central e setentrional; e o de Perú, con capital en Lima, que comprendía América do Sur. Para o seu goberno creáronse diferentes institucións: a administración central con sede en España e a administración territorial americana. A administración central estaba formada polo Consello de Indias que trataba sobre todos os asuntos americanos (propoñía o nomeamento dos cargos paras as institucións americanas; redactaba a lexislación xeral administrativa, fiscal e penal, etc.), e pola Casa de Contratación instalada en Sevilla dende 1503, que controlaba o tráfico con América de pasaxeiros e mercadorías: organizaba as frotas e rexistraba as entradas de metais preciosos e demais mercadorías dos que o 20 %, o chamado “quinto real”, ía para Facenda. Era tamén tribunal de comercio, concedía licenzas comerciais, permisos de navegación, etc. Como primeira escola de navegación, de formación de pilotos e de cartografía de Europa, contaba cunha dirección e burocracia solvente, que examinaban ós capitáns de barco e dirixían traballos cartográficos. A administración americana estaba formada polos vicerreinados, á fronte dos cales hai un vicerrei que é o representante directo do rei e ten funcións de gobernador, presidente da Audiencia e capitán xeneral. Os vicerreinados estaban divididos en gobernacións, territorios ou provincias que estaban baixo o mando dun gobernador nomeado polo rei; tiñan funcións administrativas e xudiciais e estaban subordinados ás audiencias. En varios territorios fronteirizos ou moi conflitivos creáronse capitanías xerais, como en Cuba, Santo Domingo ou Filipinas. Á fronte estaba un capitán xeneral con autoridade militar e civil nese territorio. As audiencias tiñan funcións administrativas e xudiciais e estaban baixo o control dos vicerreis. Os cabidos eran o órgano que rexía ós municipios e os corrixidores eran os axentes reais encargados de controlar a vida dos cabidos. Todas estas institucións estaban xa creadas na primeira metade do século XVI. Un dos principais estímulos dos conquistadores era a obtención de ganancias e xunto coa Coroa puxeron en marcha diferentes actividades económicas: explotación das terras e minas, do gando... A man de obra obtivérona mediante o emprego do sistema da encomenda e a mita. A encomenda consistía na entrega, por parte da Coroa, dunha cantidade de indios ós colonos españois quen, a cambio de protexelos e instruílos na fe católica, tiñan dereito e esixirlles a prestación de traballos gratuítos e o pago de determinados tributos. A mita era un sistema parecido que se aplicaba ó traballo nas minas; consistía na obrigación dos nativos de traballar unha serie de meses ó ano nas explotacións mineiras da súa zona, recibindo un pequeno salario. Posto que os monarcas españois, xa dende Isabel a Católica, prohibiran a escravización da poboación nativa americana, que eran considerados súbditos unha vez cristianizados (as Leis Novas de 1542 reiteraban a prohibición da escravitude e a condición temporal da encomenda), creáronse eses métodos alternativos como medio para obter traballadores. Estes escaseaban debido á morte da poboación indíxena a mans dos españois pero tamén polas enfermidades que levaron ó novo continente, como as vexigas. Esa falta de man de obra vai a ser suplida coa traída de escravos africanos que se lle compraban ós traficantes portugueses. Dende o principio ditáronse leis sobre o trato que había que dar á poboación indíxena. As primeiras foron as Leis de Burgos de 1512, firmadas por Fernando II o Católico. Nelas recoñecíase ós indíxenas como homes libres e lexítimos donos das súas propiedades pero permitían obrigar ós indios a traballar sempre que o traballo fose tolerable e xusto (permitíase o pago en especie). Prohibíase o traballo nas minas e as tarefas máis pesadas a mulleres embarazadas e nenos de menos de catorce anos. En 1542 Carlos I dita as Leis Novas de Indias co obxectivo de frear os abusos dos colonos españois. Volvíase a prohibir a escravización da poboación indíxena, ordenábase a eliminación das encomendas e protexíase os dereitos dos indíxenas. Estas leis atopáronse coa oposición dos colonos e encomendeiros e enviáronse funcionarios para vixiar que se cumprisen. Os informes de Matías de Paz e de Juan de Palacios Rubios lexitimaban a conquista e dominación dos indios pola necesidade de evanxelizalos, pero os abusos dos colonos foron pronto denunciados por frades como Bartolomé de las Casas. Unha figura destacada na defensa dos dereitos dos indios foi Francisco de Vitoria, teólogo e xurista que argumentaba que os indios tiñan os mesmos dereitos naturais que os europeos (dereito á vida, á liberdade e á propiedade). Sostiña que os indíxenas eran donos lexítimos das súas terras e había que respectar as súas formas de goberno e a súa organización social. Criticaba o emprego da violencia e a escravización e dicía que a evanxelización debía facerse de forma pacífica e respectuosa. Ademais, sostiña que en caso de abusos, os indíxenas tiñan dereito a unha reparación. A pirámide social nos territorios americanos está constituída polos peninsulares: españois nacidos na península ibérica que ocupan os postos máis altos na administración colonial e na Igrexa; ocupan o primeiro lugar nesa sociedade. Os crioulos eran fillos de españois nacidos en América; teñen moito poder económico pero están excluídos dos principais cargos administrativos (serán os que encabecen os movementos independentistas no século XIX). Os mestizos eran fillos de españois e indíxenas. Os indíxenas eran a poboación autóctona, marxinada e explotada. Os mulatos e pardos eran persoas de ascendencia mixta: africana e europea ou africana e indíxena. Finalmente están os escravos africanos que traballan nas plantacións, minas e no servizo doméstico. A posesión dos territorios americanos deu lugar a un tráfico comercial coa Península que se organizou en réxime de monopolio. As colonias americanas non podían comerciar con outros países europeos e todo o comercio debía facerse en barcos españois. Enviábase para América produtos manufacturados e alimenticios e traíanse produtos americanos, sobre todo metais preciosos obtidos nas minas de Zacatecas e Guanajuato en México e de Potosí en Perú. Os intercambios realizábanse polo sistema de frotas e convois, a denominada “frota de Indias”, que partían de Sevilla (dende o século XVIII saen dende Cádiz) e chegaban ó golfo de México e logo ó resto dos portos americanos Á volta, a frota concentrábase no porto da Habana para volver ó golfo de Cádiz. Había dúas frotas principais ó ano: a Frota de Nueva España que se dirixía a México, onde un dos portos principais era Veracruz, e a Frota de Terra Firme que se dirixía ó vicerreinado do Perú, onde un porto fundamental era Cartagena de Indias. Os barcos mercantes que compoñían as frotas ían protexidos por galeóns de guerra. Só podían participar neste tráfico comercial os comerciantes autorizados pola Casa de Contratación situada en Sevilla. A gran demanda de produtos por parte dos territorios americanos deu lugar o desenvolvemento do contrabando. O “tesouro americano”, maioritariamente prata, produciu importantes alteracións na economía española e europea: permitiu ós monarcas españois financiar a súa política exterior e as guerras da Monarquía católica; contribuíu a incrementar a inflación e o desinterese polas actividades produtivas, problemas que foron tratados pola chamada “Escola de Salamanca” con figuras como Martín de Azpilicueta e Tomás de Mercado que foron pioneiros na teoría monetaria. Como conclusión, cabe destacar a importancia que terán os territorios americanos para o sostemento do Imperio español ademais do desenvolvemento das ciencias: xeografía, cartografía, botánica...; a traída a Europa de novos produtos (patacas, millo, tabaco, pementos, cacao, tomates...); a creación en América de infraestruturas, universidades, hospitais... Como aspectos negativos estaría o sometemento da poboación indíxena e en España o desinterese pola produción artesanal propia xa que se podían importar os produtos manufacturados europeos, como os ingleses ou holandeses, propiciando o desenvolvemento das súas economías e non a propia.

Use Quizgecko on...
Browser
Browser